A Semana Galega de Filosofía reflexionará sobre a perda de identidade na sociedade dixital

Pontevedra
12 de marzo 2021

A Aula Castelao de Filosofía avanzaba a programación da 37 edición da Semana Galega de Filosofía, que se celebrará do 5 ao 9 de abril e promoverá unha análise crítica da "civilización dixital". O público poderá seguir as conferencias desde o Teatro Principal ou en streaming, sen necesidade de inscrición previa

Membros da Aula Castelao presentan a 37 edición da Semana Galega de Filosofía
Membros da Aula Castelao presentan a 37 edición da Semana Galega de Filosofía / Mónica Patxot

Este venres presentábase o programa da que será a 37 edición da Semana Galega de Filosofía. Trala obrigada suspensión das xornadas do ano pasado, desta volta, a Aula Castelao de Filosofía optou por desenvolver as conferencias en formato presencial e en liña.

Entre o luns 5 de abril e o venres 9 celebrarase a semana adicada á "Filosofía e civilización dixital", retomando o tema proposto para 2020 e con poucos cambios nos relatores. A imaxe do cartel anunciador mantense e nel recóllese unha ilustración de Castelao, como vén sendo tradición.

Segundo explica Alexandre Cendón, o novo presidente da Aula Castelao de Filosofía, as ilustracións de Castelao caracterízanse por unha "análise crítica da realidade", e o desacougo que mostra ao representar unha persoa soa rodeada de reloxos "que non sabe en que hora vive" trasládase aos nosos días como "unha alegoría da sociedade dixital na que vivimos e na que estamos sobreinformados e distraídos por non diferenciar o que é importante e o que non".

Precisamente este é o espírito das xornadas, nas que se achegará unha ollada crítica e unha chamada á reflexión e o debate. Trátase dun "congreso aberto á cidadanía" e por este motivo, e sempre respectando as indicacións das autoridades sanitarias, mantense a presencialidade. Montserrat Fernández Arén, integrante da Aula Castelao, apuntaba á situación das persoas que non teñen acceso aos medios online "e levan desde as primeiras edicións participando", por iso queren darlles cabida e, xa que a Semana pon o foco nas desigualdades que promove Internet, "onde tamén criticamos a fenda dixital", era necesario abrir as xornadas a todo o público.

Con estas bases, a Semana Galega de Filosofía celebrarase en sesión de mañá (de 11:30 a 13:30h) e tarde (de 18:00 a 20:00h) en formato presencial no Teatro Principal e en streaming a través da web propia da Semana Galega de Filosofía e canles de Youtube e Facebook. As conferencias da mañá levan como fío condutor o tema "Pensar a civilación dixital" e as de tarde xirarán en torno á "Civilización dixital en Galicia".

No Teatro Principal estarán presentes os relatores das charlas da tarde e pola mañá só o conferenciante que abre as xornadas, Albino Prada Blanco. O resto dos intervintes nas mañás do martes ao venres participarán en liña e o público asistente no patio de butacas, con aforo limitado, seguirá as charlas a través dunha pantalla instalada no propio Teatro, sinal que tamén chegará a aqueles que se conecten telematicamente.

A entrada é libre e gratuíta e, a diferencia doutros anos, pola situación excepcional, non haberá diploma acreditativo nin, polo tanto, necesidade de matrícula previa. Tan só o público que acuda ao Teatro Principal terá que rexistrarse á entrada, para así controlar o aforo e que en caso de que houbese algunha incidencia de contaxio se puidese rastrexar ás persoas sentadas na contorna. Con todo, manterase a distancia de seguridade e só se permitirá que senten xuntas dúas persoas sempre que sexan convivintes, o resto dos asistentes terán que sentar sós e rodeados de butacas baleiras.

 

PROGRAMA DA XXXVII SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA

LUNS 5 DE ABRIL

11:30
Albino Prada Blanco (Universidade de Vigo) – Crítica do hipercapitalismo dixital

18:00
Iolanda Gómis (editora e creadora de contidos) – Tecnoloxía e sociedade en Galiza: do colonialismo tecnolóxico á fenda dixital

MARTES 6 DE ABRIL

11:30
Santiago López Petit (Universidade de Barcelona) – O algoritmo da vida

18:00
Iolanda Mato (educadora ambiental. Fundação Montescola) – Galiza (não) é uma mina: extrativismo e engenharía social no contexto da emergência climática

MÉRCORES 7 DE ABRIL

11:30
Pendente de confirmación (a relatora prevista, Marta Peirano, lamenta a súa ausencia por motivos persoais)

18:00
David Rodríguez (escritor e blogueiro) – Capitalismo total en Galicia. A sociedade á intemperie

XOVES 8 DE ABRIL

11:30
Antonio Lafuente (CSIC) – Laboratorios de deseño, humanidades dixitais e sonambulismo tecnolóxico

18:00
Antonio Rial Boubeta (Universidade de Santiago) – Do imperio do selfie á tiranía de Instagram. Claves e desafíos para unha verdadeira integración dixital

VENRES 9 DE ABRIL

11:30
Andoni Alonso (Universidade Complutense de Madrid) – Decadencia do progreso

18:00
Sabela Fraga Costa (historiadora da arte e actvista) – A irrupción da imaxe: un exercicio contrahexemónico