Cando a civilización dixital dificulta distinguir entre realidade e virtualidade

Pontevedra
05 de abril 2021

Sobre esta temática debaterase esta semana en Pontevedra. Será no marco da edición número 37 da Semana Galega de Filosofía, que arrancou este luns no Teatro Principal cunha sesión inaugural que impartiu o ensaísta e investigador Albino Prada Blanco

Inauguración da edición número 37 da Semana Galega de Filosofía
Inauguración da edición número 37 da Semana Galega de Filosofía / Cristina Saiz

O teletraballo, os trámites administrativos a través das sedes electrónicas ou a dixitalización das relacións sociais e afectivas veñen de constituír toda unha civilización dixital que, segundo os expertos, pode dificultar a distinción entre realidade e o que atopamos no mundo virtual.

Sobre esta temática debaterase esta semana en Pontevedra. Será no marco da edición número 37 da Semana Galega de Filosofía, que arrancou este luns no Teatro Principal cunha sesión inaugural que impartiu o ensaísta e investigador Albino Prada Blanco.

Antes da súa palestra, foi precisamente o novo presidente da Aula Castelao, Alexandre Cendón, o que chamou a reflexionar sobre a tecnoloxía dixital "que nos abriu as portas a unha virtualidade na que cada vez pasamos máis tempo".

Co paso do tempo, destacou Cendón, "os puntos de unión entre ambas son máis resistentes" e provoca que o mundo dixital "configure as nosas vidas" e todos os nosos esforzos estean orientados "á súa construción permanente".

Tamén o alcalde de Pontevedra, na inauguración do evento, advertiu que un mal uso destas ferramentas "incrementa as fendas e as desigualdades sociais" e, entre outras cuestións, ameaza o comercio tradicional ou a seguridade e privacidade dos usuarios.

Miguel Anxo Fernández Lores manifestou en todo caso a súa ledicia ante o regreso da Semana de Filosofía, tras o parón pola pandemia, como un espazo de debate "necesario" e que desta volta permite achegar un tema plena "en plena vixencia" como a civilización dixital. 

A intervención de Albino Prada, que estivo centrada na súa publicación Crítica do hipercapitalismo dixital, analizou como coa dixitalización "está a pasar o mesmo que pasou coa electricidade e formas previas de enerxía", que é "modulada" por grandes multinacionais.

Google, Amazon, Microsoft, Intel ou Apple, segundo o profesor de Economía Aplicada, "marcan os obxectivos e condicionan cara onde se decide camiñar" e provocan que se teñan paralizados os camiños cara a redución da xornada laboral.

Para evitar que este crecemento dixital non vaia acompañado dun "subdesenvolvemento social" e dun "colapso medioambiental", a sociedade actual "non necesita moita intelixencia artificial, senón intelixencia social e colectiva".

A este respecto, reclamou que o sector público non se deixe "abducir" por estes grupos económicos e aposte pola "soberanía tecnolóxica", xa que "un país non pode renunciar a isto se non quere vivir baixo o réxime colonial de estas empresas".