A Semana Galega de Filosofía clausura co desafío de querer vivir para superar a realidade que esmaga

Pontevedra
09 de abril 2021

Sabela Fraga Costa foi a última relatora durante a trixésimo sétima edición deste encontro coa Filosofía en que se tratou a civilización dixital. As conclusión schegaron a través de Francisco Ramil Acebo, integrante da Aula Castelao de Filosofía. Ao peche asistiron a concelleira de Cultura Carmen Fouces, a deputada María Ortega e o vicerreitor da Universidade de Vigo, Jorge Soto

Clausura da Semana Galega de Filosofía 2021
Clausura da Semana Galega de Filosofía 2021 / Mónica Patxot
Finalizou a trixésimo sétima edición da Semana Galega de Filosofía coas conclusións e análise das diferentes intervencións durante estes días sobre a civilización dixital. Unha reflexión realizada polo integrante da Aula Castelao de Filosofía, Francisco Ramil Acebo, despois do último relatorio a cargo de Sabela Fraga Costa, historiadora da arte e activista feminista.
 
Nesta intervención analizou o papel que xogan as imaxes nos medios de comunicación actuais e a través da historia da arte. Sabela Fraga explicou que na actualidade é imprescindible traballar con imaxes pero é necesario que leven á rúa á poboación, reclamou a necesidade de crear imaxes que mobilicen para actuar elaborando fórmulas disruptivas que eviten o control por parte do poder, con propostas que fagan pensar.
 
Lembrou que, neste século, existe unha masificación da imaxe cun fluxo que, en ocasións, non achega nada. En relación cos medios de comunicación, convidou á reflexión sobre o uso da imaxe en relación cos textos. Apuntou que as imaxes atan á sociedade a uns imaxinarios concretos e sosteñen as desigualdades, por este motivo convidou a alertar os menores da importancia da manipulación dos contidos audiovisuais e da necesidade de que coñezan como se deben utilizar.
 
Fraga Costa finalizou convidando a continuar co "desafío de querer vivir para superar a realidade que nos intenta esmagar". A esta última sesión da Semana  Galega de Filosofía asistían a concelleira de Cultura Carmen Fouces; a deputada de Política Lingüística María Ortega e o vicerreitor da Universidade de Vigo, Jorge Soto.