Seis detidos por unha onda de roubos con forza en Pontevedra, A Coruña, Lugo e Asturias

Pontevedra
23 de xaneiro 2025
Actualizado: 13:30

A Garda Civil considera desarticulado un grupo criminal que cometeu máis de 100 roubos de madrugada en domicilios, establecementos comerciais, talleres de vehículos e centros de ensino

Efectos intervidos aos detidos
Efectos intervidos aos detidos

Unha investigación dirixida polo Xulgado de Instrución número 2 de Lalín e que implica á Garda Civil de distintas zonas de Galicia permitiu desarticular un grupo criminal dedicado a roubos con forza.

A operación é conxunta das unidades da Policía Xudicial das comandancias de Pontevedra, A Coruña e Lugo e esclareceu máis de 100 roubos con forza nestas tres provincias e en Asturias por valor de máis de 120.000 euros.

A onda de roubos con forza que se lles atribúe rexistrouse en domicilios, establecementos comerciais, talleres de vehículos e centros de ensino.

A investigación iniciouse en novembro de 2024 como resposta a unha serie de roubos que estaban a provocar unha gran alarma social en distintas localidades.

Os membros deste grupo actuaban sempre de madrugada e encapuchados, fracturando de forma violenta as portas de acceso aos inmobles. Utilizaban para os seus desprazamentos vehículos previamente subtraídos e apoderábanse das caixas rexistradoras e obxectos de valor nos domicilios.

Unha vez identificados os sospeitosos, os investigadores constataron que tiñan unha ampla experiencia neste tipo de roubos con forza, tras ser detidos con anterioridade pola comisión de feitos similares, o que dificultou excesivamente a súa desarticulación.

A investigación culminou o pasado 15 de xaneiro tras unha onda de roubos en Mondoñedo e Meira, en Lugo. Lograron a identificación e detención de seis persoas de nacionalidade española como sospeitosas.

Dentro desta operación, a Garda Civil realizou catro rexistros domiciliarios nA Coruña e dous en Carballo e logrou recuperar gran cantidade de obxectos subtraídos, entre os que se atopaban computadores portátiles e lousas electrónicas subtraídas en centros escolares.

O xulgado acordou o ingreso en prisión de catro do seis detidos.