Seis semanas de obras para solucionar os afundimentos en José Malvar

Pontevedra
24 de setembro 2021

Tras as obras de emerxencia realizadas en agosto, o vindeiro martes darán comezo os traballos para solucionar de maneira definitiva o afundimento da rúa José Malvar, provocado polo mal estado da canalización do río Valdecorvos

Corte de tráfico por obras na rúa José Malvar por risco de afundimento na calzada
Corte de tráfico por obras na rúa José Malvar por risco de afundimento na calzada / PontevedraViva

Tras as obras de emerxencia realizadas en agosto, o vindeiro martes darán comezo os traballos para solucionar de maneira definitiva o afundimento da rúa José Malvar, provocado polo mal estado da canalización do río Valdecorvos.

Para que as obras teñan un "impacto mínimo" no tráfico, anunciou o edil de Obras, Demetrio Gómez, esta actuación executarase en tres fases ao longo de seis semanas.

O tubo de aceiro corrugado que serve como canalización do río será substituído por unha estrutura de formigón armado, moito máis resistente e de maior calidade.

A primeira fase das obras supoñerá a substitución deste tubo no carril de subida cara a Doce de novembro. Abrirase unha gabia de 10,76 metros e a circulación en ambos os sentidos manterase polo outro carril. Prohibirase o paso do tráfico pesado de máis de 10 toneladas.

Ademais, os autobuses terán que baixar pola rúa Casimiro Gómez.

A parte central de José Malvar pecharase nunha segunda fase, na que se abrirá unha gabia de 11,71 metros. O tráfico rodado e peonil poderase seguir facendo por ambos os lados da parte escavada, onde seguirán traballando os operarios.

Por último, abrirase unha gabia de 11,50 metros no carril de baixada cara á ría. Neste caso, a circulación volverá a desviarse polo outro carril que permanecerá aberto.

As últimas dúas semanas de obras reservaranse para a substitución de diversas pezas de formigón e a pavimentación e asfaltado da rúa.

Estes traballos teñen un orzamento de 106.000 euros.

Mentres duren estas obras, desde o Concello piden aos cidadáns que, na medida do posible, eviten circular por esta rúa. "É complicado, sabémolo", recoñeceu Demetrio Gómez.