Seis socorristas vixiarán as praias de Cabeceira e Xiorto entre xuño e setembro

Poio
17 de maio 2021

Tres meses, entre xuño e setembro, estará activo o servizo de socorrismo nas praias de Poio. En concreto será, como vén sendo habitual cada verán, nos areais de Cabeceira e Xiorto. O goberno municipal activou o proceso selectivo para a contratación dos socorristas

Izado da bandeira azul na praia de Cabeceira
Izado da bandeira azul na praia de Cabeceira / Mónica Patxot

Tres meses, entre xuño e setembro, estará activo o servizo de socorrismo nas praias de Poio. En concreto será, como vén sendo habitual cada verán, nos areais de Cabeceira e Xiorto.

O goberno municipal activou o proceso selectivo para a contratación dos socorristas. Será un sistema de quenda libre e ao mesmo poderán concurrir aquelas persoas que se atopen nunha situación de desemprego e estean inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

A duración dos contratos temporais será de tres meses, de xeito que a vixía nas praias se complete durante toda a temporada estival, ata ben entrado o mes de setembro.

Outro dos requisitos que deberán cumprir os aspirantes será estar inscritos no rexistro profesional de socorristas acuáticos de Galicia. Tamén é posible participar na selección no caso de que se demostre ter solicitado a inscrición neste rexistro nos últimos tres meses.

Unha vez recibida a notificación pertinente por parte do Servizo Público de Emprego, os aspirantes disporán dun prazo de tres días para presentar toda a documentación necesaria para tomar parte no proceso selectivo.

Esta tramitación pode realizarse a través da sede electrónica do Concello de Poio. No caso de que se opte pola vía presencial, será requisito indispensable solicitar cita previa. 

O Concello recorda que as persoas que precisen resolver algunha dúbida relacionada co proceso poden enviar un correo electrónico a [email protected].