Unha semana enteira de terror en Soutomaior con festa, acampada, escape room e cinema

Soutomaior
15 de outubro 2025

O venres 31 será o día grande, coa Noite de Ánimas, o espectáculo 'Subumdra', pasarrúas, tren de castañas, Talo Río convertida en A Casa da Escuridade e música co espectáculo 'Esqueletes bailade'

Rosana Comesaña e Manu Lourenzo

O Concello de Soutomaior vaise mergullar este ano nunha semana enteira de terror e diversión coa celebración do Samaín entre o domingo 26 de outubro e o domingo 2 de novembro. 

O alcalde, Manu Lourenzo, e a concelleira de Promoción Económica, Hostalería e Comercio, Rosana Comesaña, presentaron a programación animando a toda a poboación a participar nesta "celebración tradicional" e na tarde-noite "máxica, misteriosa e apaixoante" do propio día 31 de outubro. 

A programación, pensada para todos os públicos, terá a primeira actividade o 26 de outubro cun obradoiro de cabazas na Finca Cafexo-Massó. Está destinado a toda a familia.

É precisa inscrición previa. Será en liña dende este venres, 17 de outubro, ás 9:30 horas en https://soutomaior.gal/actividades/.

O xoves 30 de outubro continúa a programación con Noctámbulas, unha edición de especial de Samaín con acampada e almorzo na Casa da Cultura Rexina Míguez Noval.

A cita está destinada á mocidade a partir de 12 anos. Será un gran xogo de probas físicas, de lóxica, creativas, de enxeño e en equipo para completar o calendario Celta no que non van faltar os espíritus, as pantasmas, os calacús e moitas outras sorpresas. 

As persoas inscritas deberán levar a cea, saco de durmir e esterilla; e últiles persoais para pasar a noite. A actividade é de balde e tamén precisa inscrición previa en liña.

O día grande da celebración será o venres, 31 de outubro. A actividade comezará ás 17:45 horas na Praza de Cima de Vila cun obradoiro de lanternas araña e maquillaxe.

A partir das 19:00 horas dará comezo nesa mesma praza a Noite de Ánimas, coa animación a cargo Troula Animación e o seu espectáculo 'Subumdra', un pasarrúas que se iniciará no cruce de Praza de Cima de Vila e percorrerá a avenida Xosé Solla para rematar en Talo Río.

A festa continuará en Talo Río a partir das 20:30 co tren asador de castañas con degustación de balde. Haberá ambientación interactiva, coa zona convertida en A Casa da Escuridade, e tamén música, co espectáculo 'Esqueletes bailade'. 

sábado 1 de novembro a festa trasladarase ao Multiúsos de Arcade co 'Escape Room Especial Samaín. Aldea Labrega'. Haberá 2 salas, unha para nenas e nenos de 3 a 7 anos e outra para nenas e nenos a partir de 8 anos ás 17:00, 17:30, 18:00, 18:30 e 19:00. Precísase inscrición previa. 

O sábado tamén aterrará no Multiúsos, a partir das 20:00 horas, un Maratón de Cinema de Terror, coa proxección de Cazafantasmas: imperio helado e de El Resplandor. Haberá flocos de millo de balde nos descansos de cada película. 

O domingo 2 de novembro a Finca Cafexo-Massó acollerá o espace room 'Quen ten cu ten medo'. É unha cita destinada a público adulto, para maiores de 14 anos, de balde e cun único pase ás 18:30 horas. Precisa inscrición previa.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora