Sendeiros en Rede, a aposta de Ponte Caldelas polo "turismo verde"

Ponte Caldelas
13 de marzo 2017

Un total de 40 quilómetros de rutas interconectadas coas que coñecer a paisaxe natural de Ponte Caldelas. É a oferta que o goberno municipal decidiu englobar no proxecto Sendeiros en Rede, co que buscan converterse nunha referencia dentro do "turismo verde" da comarca

Andaina por unha das rutas naturais de Ponte Caldelas
Andaina por unha das rutas naturais de Ponte Caldelas

Un total de 40 quilómetros de rutas interconectadas coas que coñecer a paisaxe natural de Ponte Caldelas. É a oferta que o goberno municipal decidiu englobar no proxecto Sendeiros en Rede, co que buscan converterse nunha referencia dentro do "turismo verde" da comarca.

O proxecto descansa, segundo sinalan desde o Concello, sobre a base de tres rutas xa existentes ao norte do río Verdugo e a creación dunha nova, co nome de Sendeiro dos Tres Montes, no espazo interior entre todas elas, o que permite conectalas con moitas opcións diferentes e planificar multitude de excursións á carta.

Todas elas comezarán a promocionarse nos próximos días coa organización dun calendario estable de andainas que pretende combinar o lecer dos veciños coa atracción de visitantes.

O goberno ten previsto sinalizar todas estas rutas cunha imaxe conxunta e editar un folleto explicativo. Ademais, o Concello avanza que nos próximos anos irá ampliando a rede coa incorporación de novos itinerarios singulares.

Sendeiros en Rede comeza por poñer en valor tres rutas tan consolidadas como o Sendeiro Azul, o Sendeiro de San Vicente e o Sendeiro das Almiñas, que ata o de agora funcionaban como opcións illadas.

DETALLES DAS RUTAS

No espazo entre todas elas créase a Ruta dos Tres Montes como verdadeiro elemento dinamizador. O novo sendeiro está concibido para conectar cos outros tres, pero tamén para gozar do seu percorrido. Pódese coller dende moitos puntos, pero o máis sinxelo é comezalo no centro urbano.

De cruceiro en cruceiro amosa tres modelos de xestión do monte (pastizais adevesados, piñeiral e eucaliptal) e sobe, asomándose á serra de Castrelada, ata o miradoiro do monte do Castelo, onde había unha torre dende a que se controlaba o territorio coñecido como o Caldevergazo. A súa lonxitude é de 10 quilómetros e dá a volta polos camiños de Sorreira, Roriz, O Castelo, Pedra do Cervo e a pista forestal que percorre os tres modelos forestais.

O Sendeiro Azul é a ruta circular de 8,3 quilómetros que parte do centro urbano e da praia da Calzada  e que busca sempre as marxes do río Verdugo ata  cruzar sobre os famosos pasos da Fraga, unha das iconas paisaxísticas de Ponte Caldelas.

O Sendeiro de San Vicente, o situado máis ao oeste, sae tamén do centro urbano e sobe pola Quintán ata a valgada do regato. Ao longo duns 12 quilómetros transita polo camiño da Torre, o camiño de carro de Gradín, a pista de Barcala, o camiño dos muíños, o da levada, o camiño de Paradela e culmina no acceso aos petróglifos de Tourón.

No extremo este sitúase a ruta das Almiñas, tamén cun percorrido superior aos 10 quilómetros, que dá toda a volta por Laxoso, conecta con Portasouto e pasa, ao outro lado do Verdugo, ata Caritel. Recibe ese nome porque permite visitar dous petos de ánimas e camiños tradicionais empedrados polos que transitaban os carros que levaban os mortos a enterrar.