Seres indóMITOs: Carlos Rivas

Pontevedra
05 de xullo 2026

Mito Meijón entrevista a Carlos Rivas, avogado pontevedrés, cunha traxectoria marcada polo equilibrio entre o rigor xurídico e a calidez humana, priorizando sempre a honestidade

Carlos Rivas

Hai persoas que entenden a súa profesión non só como un oficio, senón como unha forma de estar ao carón dos demais cando as cousas se complican. Carlos Rivas pertence a esa clase de profesionais que saben que detrás de cada expediente, de cada xuízo e de cada problema xurídico hai sempre unha persoa que precisa algo máis ca unha resposta técnica: precisa confianza, claridade e acompañamento.

Avogado de longa traxectoria, pontevedrés convencido e traballador incansable, Carlos transmite esa mestura de rigor, prudencia e sentido común que só dan os anos de oficio ben exercido. Fala do Dereito con seriedade, pero tamén con humanidade; de Pontevedra con orgullo; e da vida coa mirada de quen aprendeu que a palabra, a lealdade e o compromiso seguen a ser valores fundamentais.

- Dime unha pregunta que non sexa do teu gusto.

Máis ca unha pregunta concreta, incomódame cando se fala de avogados que “se venden”. Despois de máis de 30 anos de profesión, nunca vin nin sospeitei algo así. Non o digo por corporativismo, senón por experiencia.

- Como é a túa relación con Pontevedra?

Íntima. Para min é a mellor cidade do mundo. Aquí nacín, aquí vive boa parte da miña familia e dos meus amigos, e aquí está o centro da miña vida persoal e profesional, aínda que hoxe traballe tamén noutros lugares de España e fóra dela.

- Como te definirías?

Como unha persoa honesta. Son un profesional normal, autónomo, que pasa máis tempo no despacho ca na casa e que moitas veces precisaría que o día tivese bastantes máis horas.

- Con que xeración te identificas máis: baby boom, X ou millennial?

Coa xeración X. Son dos que creceron con televisión en branco e negro, dúas cadeas, teléfono fixo e amigos na rúa, non en grupos de WhatsApp. Tamén vivimos de nenos o cambio político e, xa de adultos, a chegada da informática ao traballo.

- Que características ten a túa xeración?

Creo que fomos unha xeración educada, correcta no trato e bastante esixida no académico. Ademais, tocounos adaptarnos a cambios tecnolóxicos enormes sen ter nacido con eles.

- A avogacía ten fama de ser unha profesión moi técnica, pero tamén moi humana. Que aprendiches ti sobre as persoas a través do exercicio do Dereito?

Que o cliente precisa sentirse defendido, pero tamén acompañado. Quen acode a un avogado adoita facelo porque ten un problema importante, familiar, penal ou económico, e precisa rigor profesional, pero tamén apoio durante un proceso que case sempre se fai longo.

- Moitas veces só pensamos nos avogados cando o problema xa estoupou. Cres que nos falta máis cultura xurídica para previr conflitos antes de chegar ao xulgado?

Sen dúbida. No Dereito pasa moito que a xente consulta cando xa asinou ou cando o problema xa está enriba. Sería moito mellor consultar antes, igual que noutros ámbitos se entende a importancia de previr.

- Traballaste en asuntos complexos e delicados. Como se aprende a defender con firmeza sen perder a cabeza fría nin a perspectiva?

Estudando moito o asunto e aplicando Dereito e sentido común. Non hai atallos: para defender ben a alguén hai que dedicarlle todas as horas necesarias ao problema que expón.

- Nunha profesión tan esixente coma a túa, que diferencia un avogado correcto dun realmente bo?

O compromiso profundo co cliente e co asunto. Un bo avogado estuda, prepara, está ao día e sabe detectar os matices importantes. A diferenza está moitas veces nos detalles.

- Que é a amizade?

A seguridade de que alguén estará aí cando o precises, aínda que non o vexas todos os días ou aínda que a vida vos leve por camiños distintos.

- Se puideses viaxar no tempo, irías ao pasado ou ao futuro?

Ao futuro. Aínda que se puidese cambiar algunha cousa do pasado, entón volvería atrás sen dubidalo.

- Dime unha canción que te emocione.

Calquera de Sabina dos anos 90. Máis ca emocionarme, lévame directamente á época universitaria, esa que os maiores sempre dicían que era irrepetible.

- Frío ou calor?

Gústanme os dous se podo desfrutalos: a neve no inverno e Baleares no verán.

- Unha receita coa que che guste sorprender os teus convidados/as?

A cociña non é o meu forte (risas).

- Que hai despois da vida?

Unha vida mellor. Créo polas miñas conviccións relixiosas e tamén porque pensar o contrario faría aínda máis dolorosa a perda das persoas queridas.

- E por último, que vas facer en canto acabe a entrevista?

Seguir preparando un xuízo que teño mañá cedo.

- A quen te gustaría ver nesta sección?

Ao doutor Luis Regueiro Corbillón, bo amigo, gran profesional e pontevedrés de berce.

Para Carlos, Pontevedra sabe a sobremesa tranquila, cheira a pedra mollada despois da choiva, é de cor granito claro e soa a conversas na rúa. Definitivamente, Carlos Rivas sente Pontevedra.

O CUESTIONARIO

- Nunca saio de casa sen… o meu teléfono móbil.

- Na miña neveira sempre hai… un tupper con ovos cocidos para os meus almorzos da semana.

- No meu armario destaca… a mestura entre traxes e raquetas de tenis.

- A idade é… un feito obxectivo cuxo avance debemos intentar ralentizar.

- Creo en… a palabra dos meus amigos.

- O ano que marcou a miña vida foi… quizais 1991, cando decidín que facer coa miña vida tras estudar.

- O mellor agasallo que me poden facer é… unha boa viaxe a calquera lugar.

- O meu lugar no mundo é… Ponte Arnelas.

- Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en… Madrid.

- O meu momento favorito do día é… o final da tarde, cando toca facer deporte.

- Pontevedra ten alma de… boa anfitrioa, de boa vila que dá de beber a quen pasa.