Seres indóMITOs: Chano Otero

Pontevedra
19 de xullo 2026

Mito Meijón entrevista a Chano Otero, presidente da Confraría do Espírito Santo, figura que representa unha maneira de estar na cidade coñecendo o seu valor e respectando a súa memoria

Chano Otero
Chano Otero / Guillermo M. Meijón-Corujo

Hai persoas que, máis aló do cargo que ocupan ou da visibilidade que poidan ter, desprenden algo que se percibe enseguida: bondade, proximidade e unha disposición auténtica a estar cando fai falla. Chano é unha delas. Desas persoas que non só están, senón que acompañan, implícanse e axudan cunha naturalidade que hoxe resulta case extraordinaria.

Falar con el é atoparse con alguén culto, curioso e profundamente humano, pero tamén cunha persoa que transmite unha sensación moi pouco común de lealdade, xenerosidade e entrega. Chano pertence a esa clase de xente que fai moito ben sen necesidade de proclamalo, que sostén máis do que aparenta e que deixa nos demais a impresión de estar ante alguén bo de verdade. E iso, ao final, vale moitísimo máis que calquera currículo, calquera cargo ou calquera recoñecemento público.

Moi vinculado á vida de Pontevedra e a unha das súas tradicións máis queridas, Chano representa ademais unha maneira de estar na cidade que emociona: a de quen coñece o seu valor, respecta a súa memoria e traballa para que siga tendo alma. Pero por encima de todo iso está a súa forma de ser. Porque se algo queda claro ao falar con el é que, ademais de intelixente e interesante, é unha desas persoas sempre dispostas a botar unha man, a sumar, a coidar e a facer as cousas fáciles. Das que deixan pegada, precisamente, porque fan sentir ben a quen teñen diante.

- Dime unha pregunta que non che guste quee fagan.

Son moi galego para esas cousas: non me gusta que me fagan preguntas demasiado directas sen coller antes un pouco de confianza. E, por outra banda, son moi celoso da miña vida privada.

- Como é a túa relación con Pontevedra?

Pontevedra é realmente a miña media laranxa. Fóra de aquí non vivo: estou desarraigado.

- Como te definirías?

Creo que o leitmotiv da miña existencia é a curiosidade. Teño curiosidade por todo, estudo todo, interésome por todo, e así métome en todos os fregados.

- Con que xeración te identifícas máis: baby boom, X ou millennial?

Coa xeración X.

- Que características ten a túa xeración?

Tiñamos unha liberdade mental que non se correspondía coa liberdade cultural do ambiente no que nos criamos. Soubemos desenvolvela con máis tino que a xeración anterior, e iso permitiunos ter vidas máis ricas. Ademais, inventámonos novas formas de convivencia e de soster a afectividade, non só na parella, tamén cos amigos.

- Presidir a Confraría do Espírito Santo non é só organizar actos: tamén é coidar unha tradición e á xente que a mantén viva. Que é o máis bonito e o máis difícil dese papel?

O máis bonito é cando estás en plena procesión e sentes aquelas cousas polas que sabías que querías estar aí: a beleza que envolve, o ritmo da música, ver que os demais están a gozar do mesmo. O máis difícil, sen dúbida, é a xestión dos egos.

- A Confraría do Espírito Santo forma parte dunha Pontevedra moi emocional e moi de barrio. Que cres que representa hoxe para a cidade?

Representa a memoria, un signo de identidade e tamén a renovación de ambas as cousas. Creo que agora mesmo estamos resignificando tradicións antigas e dándolles un novo sentido para o presente.

- As tradicións só seguen vivas se alguén as sente como propias. Como se consegue que tamén enganchen na xente máis nova?

Moitos rapaces viven hoxe con falta de referencias, soidade e sensación de intrascendencia. Institucións como a nosa están a revivir porque ofrecen xustamente iso que agora se busca: sentido, comunidade e transcendencia. Pero para que iso ocorra tamén tivemos que derruir estruturas mentais moi arcaicas e abrirnos máis.

- Chano, fóra do cargo e nas distancias curtas, como vive todo isto: como responsabilidade, como orgullo, como herdanza... ou un pouco de todo?

Vivo isto como unha mestura de responsabilidade, herdanza e tamén aprendizaxe. A miña aterraxe na presidencia foi abrupto, porque de súpeto atopas moitas correntes, puntos de vista e tensións que antes non vías. Agora xa me sinto máis relaxado, e teño claro que os meus obxectivos son aumentar e cohesionar a Confraría, e mellorar a cooperación coas demais.

- Que é a amizade?

Vinculación afectiva desinteresada.

- Se puideses viaxar no tempo, irías ao pasado ou ao futuro?

Cara atrás.

- Dime unha canción que te emocione.

"Y sin embargo", de Joaquín Sabina.

. Frío ou calor?

Frío.

- Con que receita che gusta sorprender os teus invitados?

Cebolas recheas de atún ao modo asturiano.

- Que hai despois da vida?

Creo, racionalmente, que outra vida.

- A quen te gustaría ver nesta sección?

A Manuel Chouciño, párroco de Lérez.

- E por último, que vas facer en canto acabe a entrevista?

Seguir con toda a miña desaforada vida social.

Para Chano, Pontevedra sabe a albariño entre as néboas de agosto, cheira a alento do norte, é de cor moi luminosa e soa a saúdos afectuosos. Definitivamente, Chano Otero sente Pontevedra.

O CUESTIONARIO

  • Nunca saio de casa sen... os meus lentes e o meu móbil.

  • Na miña neveira sempre hai... auga con gas.

  • No meu armario destaca... a colección de camisas.

  • A idade é... a acumulación de experiencia e o recordo do fin.

  • Creo en... Deus.

  • O ano que marcou a miña vida foi... 1984.

  • O mellor agasallo que me poden facer é... un Reserva de Ribeira del Duero.

  • O meu lugar no mundo é... Pontevedra.

  • Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en... Santiago de Compostela.

  • O meu momento favorito do día é... o atardecer.

  • Pontevedra ten alma de... festeira excentricidade.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora