Pilar Señoráns é desas persoas que non necesitan alzar a voz para facerse notar. Presidenta da Asociación de Veciños de Santa María, leva anos sendo a alma discreta pero incansable dun dos barrios con máis historia —e máis vida— de Pontevedra. Pilar non representa aos veciños, encámaos: está en cada reunión, en cada solicitude, en cada festa popular e en cada xesto invisible que mantén vivo un barrio.
Referente incuestionable, motor constante, voz firme e corazón enorme. Pilar non necesita recoñecemento, pero meréceo todo. Sen focos, sen estridencias, teceu unha rede de comunidade que sostén e une, que honra a historia do barrio mentres constrúe o seu futuro. Pontevedra debería sentirse afortunada: non todos os barrios teñen unha Pilar. Santa María, si.
Escoitala falar do seu barrio é escoitar a alguén que non só vive no barrio, senón que o coida como se coida a unha familia. Con ela, o tecido comunitario refórzase, a memoria presérvase e a convivencia cultívase día a día.
- Dime unha pregunta que non che gusta que te fagan.
Pois que me pregunten por cuestións familiares moi concretas.
- Como é a túa relación con Pontevedra?
Marabillosa. Eu nacín en Portas, pero a miña familia materna é de Pontevedra, ademais vin aquí ao instituto.
- Como te definirías?
Paciente, tolerante e esixente.
- Con que xeración te identificas máis: baby-boom, X ou millenial?
Son da xeración do baby-boom e identifícame con ela, pero encántame estar con xente de máis idade e máis nova porque te enriquece moito.
- Que características ten a túa xeración?
Eu creo que a nosa vida víuse moi marcada pola adaptación ás novas tecnoloxías e quizais porque en xeral fomos uns pais permisivos no relativo ás normas cos nosos fillos porque viñemos dunha educación moi estricta.
- Levas desde o 1999 presidindo a Asociación de Veciñ@s de Santa María, que mudou desde entón?
Pois o único que non mudou é o alcalde (risas), que xa o coñecía de antes, pero é co único co que traballei neste sentido. A asociación naceu cun problema inicial moi grave como foi o consumo e algo de trapicheo de drogas e posteriormente xurdiu o tema do botellón. Aínda que hoxe eses problemas xa desapareceron e o barrio gañou notablemente, o ter ampliado a nosa área de influencia a toda a zona monumental, fai que agora por exemplo esteamos atendendo problemas, especialmente de ruídos na rúa Charino etc.
- Falabas do Alcalde, como é o trato coas administracións?
Os políticos teñen claro que nós imos defender o noso. Desde o principio eu tiña claro que o barrio de Santa María tiña uns dereitos e que iamos loitar por eles. Sempre hai tiranteces, e o propio alcalde dixo cando me elixiron pregoeira hai un par de anos, que eu "apretaba as castañas ao goberno" (risas), pero o que nos une a todos é o amor pola cidade, iso está por riba de todo. Ademais, atopei a persoas incríbeis, como Teresa Casal ou Margarita Castejón, cuxo traballo en Servizos Sociais foi estupendo.
- E como é a implicación dos veciños coa asociación?
Pois hai de todo. En xeral as persoas non se implican salvo que lles afecte directamente. A asociación creo que xa está asentada grazas ao traballo de moitas persoas, pero tamén hai quen ven só a que se lles resolva o seu problema e logo desaparecen. En xeral, tristemente a sociedade esqueceu a colectividade. Facer algo polos demais xa non se leva.
- Que é a amizade?
Todo. Estar nos momentos difíciles, porque para as xuergas todos estamos listos.
- Se puideses viaxar no tempo, irías ao pasado ou ao futuro?
Quedaríame onde estou sen dúbida algunha.
- Unha parte da túa casa que che apeteza intervir?
Pois acondicionar un pequeno ximnasio que montei na casa.
- Dime unha canción que te emocione.
Suavemente de Roberta Flack.
- Frío ou calor?
Calor
- Que hai despois da vida?
Supoño que a paz, pero unha paz que non sabes como é.
- O último capricho que te deches?
Esquecer os horarios e ver unha serie ata as 3 da mañá... aínda que ao día seguinte madrugei igual (risas).
- A quen te gustaría ver nesta sección?
Pois a José Lorenzo.
Para Pilar, Pontevedra sabe a ovos fritos con patacas, cheira a herba recén cortada ao amencer, excepto en Peñas (risas), é de cor branca no verán e gris no inverno, e soa a trinos, pasacalles, silencio. Definitivamente Pilar Señoráns sente Pontevedra.

O CUESTIONARIO
- Nunca saio de casa sen... bolso.
− Na miña neveira sempre hai... iogures.
− No meu armario destaca... algunha pel.
− A idade é... algo que depende da túa mentalidade.
− Sempre fun o ollo dereito de... meu pai.
− Pontevedra ten alma de... nai.
− Creo en... Deus.
− O ano que marcou a miña vida foi... o 2000
− O mellor agasallo que me poden facer é... a confianza.
− O meu lugar no mundo é... Pontevedra.
− Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en... algunha cidade grande inglesa con fermosos paisaxes.
− O meu momento favorito do día é... a noite
− Pontevedra... tendas cercanas.