Falar de Carmen Hermo é deterse nunha vida entregada á arte, pero tamén ás persoas. Artista en maiúsculas, Carmen ten a capacidade de transformar o cotián en poesía visual, de regalarnos coas súas obras unha linguaxe íntima e universal á vez. Pero máis aló do seu innegable talento creativo, está a amiga, a muller xenerosa e luminosa que sempre ten un xesto, unha palabra e unha aperta para quen o necesita. Carmen Hermo non só crea beleza: repártea na súa forma de vivir, de estar, de compartir. E esa é quizá a súa meirande obra, a que deixa pegada en quen temos a sorte de camiñar ao seu lado.
- Dime unha pregunta que non che gusta que fagan.
Ningunha, creo no diálogo como base de todo.
- Como é a túa relación con Pontevedra?
De adolescencia. Son unha nena de barrio da Coruña, Montealto, que de súpeto se viu en Pontevedra. Ao principio botaba moitísimo de menos todo, ata o meu colexio, desde o que vía o mar, pero agora estou profundamente namorada de Pontevedra e paréceme unha cidade cun potencial incrible aínda por explorar.
- Como te definirías?
A unha mesma é difícil, traballadora, alegre, soñadora…
- Con que xeración te identificas máis: baby-boom, X ou millenial?
Son da xeración do Baby-Boom, aínda que creo que navego entre elas con facilidade. Ao ser profesora e estar en contacto con xente nova adáptaste mellor.
- Que características ten a túa xeración?
Somos sobreviventes. Xogamos en parques que a día de hoxe serían impensables. Rompiamosnos ósos, faciamosnos cantidade de feridas…un pouco de auga… e a seguir!
- Como recibiches a invitación a participar na Bienal de Arte?
Sentinme moi halagada, con moita alegría e tamén un profundo sentimento de responsabilidade. Eu levo toda a miña vida traballando en distintas liñas artísticas, pero o reto da Bienal requiría repensar moito as cousas.
- Cantos proxectos descartaches antes de presentar a obra que se atopa en Santa Clara?
Toda a miña traxectoria, que se di rápido pero é moi complicado, pero decidín borrar o disco duro porque o espazo así o requiría. A miña peza está pensado por e para a Bienal, e dentro dela, para o espazo que ía ocupar, o altar de Santa Clara.
- Que proporción de xogo e azar interveñen no proceso creativo?
O xogo nada, porque aquí non hai normas. Ao contrario, o azar... todo. O impacto de pequenos feitos do día a día é incalculable no traballo dun artista. Mesmo diría que a obriga dos artistas é a de percibir ás pequenas cousas do día a día e nas que a maioría non recaen.
- Como levas a relación entre arte e intelixencia artificial?
Sigo pensando que hai que lidar con iso aínda que sinceramente creo que nos fai moito dano.
- Máis aló da Bienal, como ves o sector artístico en Pontevedra?
Moi mal. En Pontevedra non hai espazos nin unha aposta decidida para que os haxa. Non hai nin unha galería. Isto dificulta enormemente o desenvolvemento dunha carreira profesional en condicións mínimas. A pesar de que aquí se atope a única facultade de Belas Artes de todo o noroeste peninsular, unha Escola de Restauración, desenvólvese a Bienal máis antiga de España…a realidade é outra.
- Que é a amizade?
Lealdade. Un espazo no corazón.
- Se puideses viaxar no tempo, irías ao pasado ou ao futuro?
Ao futuro sen dubidalo.
- Unha parte da túa casa que che apeteza intervir?
Fixen reformas hai pouco, asi que non teño ganas de máis leas (risas).
- Dime unha canción que che emocione.
Creep.
- Frío ou calor?
Calor.
- Que hai despois da vida?
Nin idea, nin teño curiosidade.
- O último capricho que te deches?
Unha cafeteira.
- Cando dixeches por última vez "quérote"? a quen?
A quen xa sabes, hai un intre.
- A quen che gustaría ver nesta sección?
A miña amiga Toya.
- E por último, que vas facer en canto acabe a entrevista?
Irme a casa a preparar a comida.
Para Carmen, Pontevedra sabe a pipas, cheira a algas, é de cor turquesa e soa a gaivotas e vento. Definitivamente, Carmen Hermo sente Pontevedra.
O CUESTIONARIO
− Nunca saio de casa sen… lentes de sol.
− Na miña neveira sempre hai… queixo.
− No meu armario destaca… o negro.
− A idade é…. un estado mental.
− Sempre fun o ollo dereito de… ninguén.
− Pontevedra ten alma de… paxaro.
− Creo en… a humanidade.
− O ano que marcou a miña vida foi… 2020.
− O mellor agasallo que me poden facer é… todo.
− O meu lugar no mundo é… mirando o horizonte sobre o mar.
− Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en… A Coruña.
− O meu momento favorito do día é… a ducha matutina.
− Pontevedra… guerrilleira.