O servizo de atención temperá de Poio levará a cabo varios encontros informativos con nais e pais nas tres escolas infantís de 0 a 3 anos do municipio.
O primeiro destes encontros celebrarase o xoves día 13, ás 16.15 horas, na Escola Infantil Trastes, mentres que nas semanas seguintes desenvolveranse tamén sesións na Galiña Azul e en Saíñas.
Desde o Concello de Poio sublíñase que acompañar o desenvolvemento infantil é unha responsabilidade compartida entre familias, centros educativos e profesionais.
Neste sentido, as charlas teñen como finalidade dar a coñecer o labor do servizo de atención temperá, reforzar a colaboración entre todos os axentes implicados e promover o desenvolvemento integral da infancia nos primeiros anos de vida.
Durante estes encontros, as familias recibirán orientacións para identificar sinais de alerta ante posibles atrasos no desenvolvemento, así como consellos prácticos para estimular de maneira axeitada as capacidades cognitivas, motoras, sociais e lingüísticas dos máis pequenos.
Estas sesións pretenden ofrecer información e ferramentas útiles para que nais e pais se sintan máis seguros no coidado dos seus fillos, participen activamente no seu proceso educativo dende os primeiros meses e compartan experiencias con outras familias, favorecendo así a creación de redes de apoio e acompañamento.
A unidade de atención temperá de Poio, posta en marcha no mes de xuño, é un servizo público e gratuíto que xa supuxo unha mellora significativa na vida de máis de 60 nenos menores de seis anos do concello, converténdose nun punto de inflexión para moitas familias.
O seu principal obxectivo é previr, detectar e intervir ante dificultades no desenvolvemento infantil entre os 0 e os 6 anos.
O equipo profesional está formado por unha psicóloga, unha logopeda e unha fisioterapeuta pediátrica, que desenvolven o seu labor na Casa Rosada.
Desde a súa posta en marcha realizáronse 599 intervencións, cun tempo medio de espera de apenas unha semana e sen lista de agarda, o que garante unha atención áxil e eficaz ás necesidades das familias.
A idade media de acceso ao servizo sitúase entre os 4 e 5 anos.
As primeiras consultas destínanse á valoración e diagnose, e a partir de aí prográmanse as intervencións individualizadas que precisa cada menor.