O Concello de Poio celebrou este mércores unha xuntanza de seguimento do Servizo de Atención Temperá, un recurso que botou a andar no pasado mes de marzo grazas á colaboración coa Consellería de Política Social. O encontro serviu para facer balance dos primeiros meses de funcionamento e tamén para trazar os obxectivos do vindeiro ano.
Na reunión participaron o alcalde, Ángel Moldes, e as concelleiras de Benestar e Igualdade, Nati Torres, e de Cultura e Educación, Natalia Sabarís. Tamén estiveron presentes as profesionais do servizo e persoal dos departamentos de Servizos Sociais e Desenvolvemento Local.
En apenas sete meses, o servizo realizou 599 intervencións, sen listas de agarda e cun tempo medio de acceso inferior a unha semana.
Unha resposta que foi valorada como "rápida e eficaz" que xa está a marcar un cambio na vida de máis de 50 nenos menores de 6 anos. A idade media de entrada no servizo sitúase entre os 4 e 5 anos, e as primeiras consultas céntranse na valoración e diagnóstico, para logo deseñar intervencións personalizadas para cada caso.
Ademais do traballo directo coas familias e centros educativos, desde a Unidade tamén se puxeron en marcha outras accións comunitarias, como formacións para profesorado, charlas en escolas infantís e no centro de saúde sobre desenvolvemento motor, e obradoiros.
A Unidade de Atención Temperá de Poio, a primeira no municipio, é un servizo público e gratuíto que ten como obxectivo detectar e intervir canto antes en dificultades no desenvolvemento infantil. Conta cun equipo multidisciplinar composto por unha psicóloga, unha logopeda, unha terapeuta ocupacional e unha fisioterapeuta pediátrica, que traballan dende a Casa Rosada.
Durante a xuntanza, destacouse o impacto positivo do servizo e o seu valor como apoio fundamental para o desenvolvemento da cativada e para as familias. "Este servizo supón un antes e un despois para moitas crianzas e para as súas familias. A Atención Temperá é unha oportunidade real que estamos orgullosos de ofrecer", destacou o alcalde Ángel Moldes.
Un sentimento compartido polas familias usuarias, que nas enquisas valoran moi positivamente o funcionamento do servizo, sinalando que os obxectivos das intervencións son útiles e axudan a comprender mellor as necesidades e fortalezas dos seus fillos.
Mirando cara ao futuro, o obxectivo do Concello é continuar reforzando a prevención e a sensibilización, especialmente no traballo con escolas infantís e profesorado. "Son eles quen están a diario coas crianzas e teñen un papel clave na detección temperá de posibles dificultades", explicaron as profesionais do servizo, que tamén subliñaron que os avances son máis visibles cando escola e familia traballan en coordinación.
O alcalde pechou a xuntanza sinalando que con iniciativas como esta, "Poio avanza cara a un concello máis xusto, inclusivo e comprometido co benestar das familias, apostando por servizos públicos de calidade e accesibles para toda a veciñanza".