Sesenta e oito novos contaxios manteñen a Pontevedra só por detrás de Vigo e A Coruña en incidencia da covid-19

Pontevedra
17 de novembro 2020

Os contaxios de covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés non remiten. Ata 68 rexistráronse nas últimas 24 horas. É o terceiro maior dato de Galicia, só superado por Vigo e A Coruña, segundo o balance do Servizo Galego de Saúde. Os casos activos, con todo, seguen baixando. Sitúase en 1.213 (21 menos) tras a alta recibida por 88 pacientes

Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra a 17 de novembro
Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra a 17 de novembro / Servizo Galego de Saúde

Os contaxios de covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés non remiten. Ata 68 rexistráronse nas últimas 24 horas. É o terceiro maior dato de Galicia, só superado por Vigo e A Coruña, segundo o balance do Servizo Galego de Saúde. Os casos activos, con todo, seguen baixando. Sitúase en 1.213 (20 menos) tras a alta recibida por 88 pacientes.

Os hospitalizados nos tres centros de referencia para a covid nesta área sanitaria tamén crecen lixeiramente, ata os 72. Son dous máis que onte.

A maior parte deles, un total de 48, están ingresados en planta do Hospital Montecelo. Once están no Hospital do Salnés e cinco no hospital QuirónSalud Miguel Domínguez.

Outras oito persoas, que son as que están máis graves, atópanse ingresadas na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo.

O resto dos que contraeron o virus, outras 1.141 persoas, atópanse illados nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.

Desde o inicio da pandemia 3.344 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19 e rexistráronse 43 falecementos asociados ao virus.

En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 79.358, 604 nas últimas horas. A estas probas súmanse as 42.149 seroloxías realizadas ata a data.

ENSINO

En canto á información actualizada referida ás escolas infantís e aos centros educativos desta área sanitaria de Pontevedra – O Salnés, este martes as consellerías de Política Social e de Educación notifican un total de 149 casos activos de covid e 3 aulas pechadas.

GALICIA

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 9.060, 50 menos que o día anterior. Deles 1.835 son da área da Coruña, 1.071 da de Lugo, 781 da de Ourense, 1.213 da de Pontevedra, 2.347 da área de Vigo, 1.036 da de Santiago e 777 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 106 están en UCI, 503 en unidades de hospitalización e 8.500 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 36.070 persoas curadas, rexistrándose 1.086 falecementos.

Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 811.941 probas PCR e 411.829 probas serolóxicas que, nas últimas 24 horas, permitiron detectar a 388 infectados.