Sete horas ao día para traspasar de novo os muros de Santa Clara

Pontevedra
30 de novembro 2022

Santa Clara volve a abrir as súas portas á cidadanía. Será esta fin de semana, os días 3 e 4 de decembro, coincidindo co primeiro aniversario da súa compra por parte do Concello. O horario de apertura será de 10.00 a 17.30 horas, en horario continuado ambos os dous días

Xornada de portas abertas aos xardíns do convento de Santa Clara
Xornada de portas abertas aos xardíns do convento de Santa Clara / Cristina Saiz

Santa Clara volve a abrir as súas portas á cidadanía. Será esta fin de semana, os días 3 e 4 de decembro, coincidindo co primeiro aniversario da súa compra por parte do Concello.

O horario de apertura será de 10.00 a 17.30 horas, en horario continuado ambos os dous días. A entrada será de balde e sen inscrición.

Estas xornadas permitirán coñecer as sondaxes arqueolóxicas realizadas en boa parte da planta baixa do convento e no bosque. Así, farase un percorrido polos traballos arqueolóxicos guiado polos profesionais que traballaron neles.

A igrexa será o "centro de recepción de visitantes" onde se proxectará un vídeo duns tres minutos sobre os labores de escavación e os datos históricos dos que agora se dispoñen. sobre Santa Clara. Tamén se lles entregará un folleto cunha breve explicación da visita.

Os visitantes farán un percorrido previamente definido e pararanse en distintos puntos onde os agardarán os guías que irán explicando a historia de Santa Clara a través dun relato histórico. 

Logo de acceder á igrexa, os visitantes entrarán pola porta de carros para dirixirse ata o edificio do século XVIII, á chamada sala das tullas onde se atoparon muros das antigas edificacións de Santa Clara. Trátase dun baixo non aberto ao público xa que estaba totalmente cheo de entullos.

Continuarán cara o lagar e a adega, para saír polo claustro onde poderán ver los enterramentos sen os ósos retirados para o seu estudo.

Sairán cara o exterior para ver as canalizacións e pavimentos atopados ao carón do antigo cemiterio e trasladaranse polo xardín ao antigo refectorio e a cociña coa lareira, onde se lles indicarán os costumes e a evolución daquelas dependencias.

Antes de saír, pasarán pola parte máis antiga da edificación, onde se lles explicarán as hipóteses que se barallan sobre a creación do convento. 

Ao tratarse dunha xornada de portas abertas singular, xa que se disporá de guías informando dos principais fitos do convento, desde o Concello recomendan que as visitas se vaian presentando ao longo da xornada para evitar grandes esperas.

De todos os xeitos, a planificación prevista permitirá que arredor de 250 persoas estean simultaneamente nos distintos puntos do convento.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora