Setembro remata na área sanitaria con 456 casos de covid-19 menos que cos que empezou

Pontevedra
30 de setembro 2021

Este xoves hai 73 casos activos, sete menos que o día anterior. Setembro empezara con 529 casos activos. Na última xornada confirmouse tan só un novo positivo. Hai cinco hospitalizados, dous menos que o día anterior e oito menos que o día 1. Isto é, o número de casos activos descende a maior ritmo que os pacientes hospitalizados

Cribado no Hospital Provincial a alumnado de institutos de Pontevedra
Cribado no Hospital Provincial a alumnado de institutos de Pontevedra / Mónica Patxot

O mes de setembro termina este xoves cun balance de 73 casos activos de covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Son sete casos activos menos que o día anterior e 456 menos que hai un mes. 

A evolución é lenta, pero continua, pois setembro empezara con 529 casos activos. Este xoves, con datos das seis da tarde do mércores, confirmouse tan só un novo positivo, un ritmo de contaxios similar ao dos últimos días. 

Segundo o último balance oficial, do total de 73 casos, cinco están ingresados no hospital e 68 evolucionan en illamento nos seus domicilios. Iso implica que setembro termina con dous pacientes ingresados menos que o día anterior e oito menos que cando empezou. Isto é, o número de casos activos descende a maior ritmo que os pacientes hospitalizados. 

Nos hospitais tan só hai pacientes en Montecelo, tres ingresados en planta de hospitalización e dous na unidade de coidados críticos. Mentres que na UCI non hai cambios con respecto ao martes, en planta si hai dúas menos.

Desde o inicio do plan de continxencia do a covid-19 curáronse 21.140 pacientes (8 na última xornada) e faleceron 205 pacientes.

En canto a realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas fixéronse 259, que elevan a 303.063 as xa efectuadas desde o inicio da pandemia no área sanitaria.

EVOLUCIÓN EN GALICIA 

A nivel autonómico, este xoves hai 1.006 casos activos de covid-19, 90 menos que o día anterior, tras confirmarse 22 positivos na última xornada. 

A situación mellora nos hospitais, con 54 pacientes ingresados, tres menos nunha xornada, dos que 39 están en planta e 15 na unidade de críticos.

Por áreas sanitarias, melloran todas as galegas e en Santiago de Compostela mesmo non se confirmaron positivos na última xornada. Na capital de Galicia hai 122, oito menos que o día anterior. 

Na Coruña hai 221 casos activos tras confirmar 7 positivos nun día. Vigo ten 214 e confirmou no último día 7. En Lugo son 190 casos, tras confirmar dous novos. En Ferrol son 25, un menos que o día anterior, tras dous novos nun día. En Ourense hai 161, 18 menos, tras confirmarse tres novos positivos.