Este verán, nove praias de Sanxenxo contarán con 70 socorristas atendendo calquera emerxencia que se poida producir a partir do 15 de xuño nos areais do municipio.
A cifra ascendeu respecto ao ano pasado grazas á recuperación da bandeira azul para a praia da Panadeira, que sumará o seu posto de vixilancia aos xa habituais de Areas, Silgar, Baltar, Canelas, Montalvo, Major, Foxos e A Lanzada-O Espiñeiro.
Ademais destes efectivos, unha embarcación do servizo de Emerxencias estará permanentemente no mar para atender as incidencias que se rexistren. Os socorristas recibirán formación teórica e práctica de traballo con moto náutica para poder desenvolver posibles rescates acuáticos.
O Concello indica tamén que xa dispón dunha bolsa de contratación para a selección de persoal, pero para ampliala e chegar aos 70 vixiantes realizaranse probas o próximo 7 de xuño, a partir das 16.00 horas, na praia de Silgar.