Sétima Feira estrea tempada no Mercado con ánimos renovados

Pontevedra
05 de febreiro 2019

A primeira planta do Mercado de abastos acollerá o vindeiro sábado 9 de febreiro a primeira edición do ano da Sétima Feira. "Volve cun novo equipamento e cunha disposición nova", avanza a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías

Anabel Gulías presenta a nova tempada de Sétima Feira
Anabel Gulías presenta a nova tempada de Sétima Feira / PontevedraViva

Volta ás orixes. A Sétima Feira retornará este sábado 9 de febreiro á primeira planta do Mercado de Abastos na súa primeira edición do ano, e faino con ánimos renovados e nova estrutura, ocupando o espazo central do edificio.

"Volve cun novo equipamento e cunha disposición nova", avanza a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, aínda que non será o formato definitivo á espera de que conclúa a reforma do mercado.

En todo caso si será "unha aproximación" interesante porque "temos moitas ganas de ver a nova disposición como funciona", recoñeceu a edil.

Para esta edición de Sétima Feira presentáronse máis de 40 solicitudes para ocupar un dos postos dispoñibles, seleccionándose un total de 14 propostas de ilustración, deseño, moda ou gastronomía.

En canto á oferta infantil correrá a cargo de Estudo Bonobo e completarase con obradoiros de ilustración, mentres que o complemento musical correrá a cargo da  DJ Betty de la Church e o concerto do grupo pontevedrés King Cabra (13:00 horas).

Sétima Feira, que contará cun horario de 11:00 a 15:00 horas, terá continuidade ata o verán os segundos sábados de cada mes co obxectivo de dinamizar o Mercado de Abastos e converterse nunha cita marcada en vermello no calendario dos pontevedreses.

INTERESE "DIARIO" NO CONCURSO DO NOVO ESPAZO GASTRONÓMICO

A falta case dun mes para que se peche o concurso dos postos do novo espacio gastronómico do Mercado, na súa planta superior, existe "moita xente interesada", asegura Anabel Gulías.

Aínda que non se concretaron ofertas, algo habitual ao esperarse normalmente aos últimos días segundo a edil, "son diarias as chamadas" de empresarios interesados, avanza, entre os que se atopan recoñecidos chefs e marcas de hostalería local.