O Concello de Moraña porá en marcha unha nova actuación de humanización no centro urbano de Santa Lucía e a súa contorna.
A obra consistirá na mellora dos espazos públicos do Buelo e a creación dunha senda peonil que conectará este núcleo rural coa rúa N7, onde se concentran as principais instalacións educativas e deportivas do municipio.
O proxecto, financiado pola Deputación de Pontevedra, contará cun investimento de 319.398 euros e terá un prazo de execución de tres meses.
Trátase da sexta obra de humanización impulsada polo goberno local nesta zona nos últimos anos.
Segundo explicou o alcalde, Sito Gómez, a intervención contempla a reorganización do viario existente entre O Buelo e a rúa N7, convertendo os 7.071 metros cadrados de superficie existente nunha contorna humanizada e segura.
Desta maneira, manterase a calzada con dous carrís de circulación, pero reservaranse 3.859 metros cadrados para crear unha senda peonil de 2,5 metros de anchura realizada en formigón coreado.
A actuación tamén incluirá a renovación da capa de rodaxe, a instalación de iluminación pública, rede de pluviais, muros de contención, cunetas, zonas verdes e sinalización, así como as reposicións necesarias nas propiedades lindeiras.
Ademais, o Concello aproveitará esta actuación para reformar os viarios interiores do Buelo que conectan co núcleo rural veciño do Río.
"A idea é unir, dun xeito seguro, confortable e cunha boa imaxe, a nosa zona dos colexios e das instalacións deportiva co Buelo, onde tamén hai dous edificios públicos con uso social e cultural e unha praza, porque deste xeito facemos que Santa Lucía sexa cada día un pouco máis agradable para vivir e tamén imos pechando e ampliando a nosa trama urbana", sinalou o rexedor.
Sito Gómez lembrou que esta actuación se enmarca na liña de humanizacións posta en marcha durante o seu mandato.
Xa transformaron rúas como a N1, N3, N6, N7 e Doutor Batallán, e compleméntase co proxecto actualmente en curso da integración da carballeira coa rúa N5.