Sindicatos do Porto de Marín culpan a José Benito Suárez Costa dos recortes laborais que sofre o persoal

Marín
02 de febreiro 2018

Cinco sindicatos denuncian que mentres a Autoridade Portuaria bate a súa cifra de tráficos superando os 2,5 millóns de toneladas, os traballadores teñen conxelados os salarios e incrementaron a carga de traballo

Instalacións do porto de Marín
Instalacións do porto de Marín / PP de Marín

Comisiones Obreras, UGT,  SPPLB, CIG e CGT decidiron denunciar a través dun comunicado a actual situación de precariedade que sofre o persoal laboral que está ao servizo da Autoridade Portuaria de Marín. Estes sindicatos culpan ao actual presidente do porto, José  Benito Suárez Costa, das malas condicións laborais.

Os representantes sindicais sinalan que o Porto de Marín bateu o seu récord de tráficos. En 2017 superáronse os 2,5 millóns de toneladas e lembran que isto se debe ao traballo dos empregados destas instalacións.

Alertan, con todo, que desde a chegada de José Benito Suárez Costa á presidencia, os traballadores "viron recortados os seus dereitos inexorablemente", unha situación que viron agravada co incremento da actividade no porto. Critican que Suárez Costa situase a Marín no primeiro lugar do ránking de retroceso de condicións laborais dos traballadores dos portos españois.

Neste sentido, denuncian a conxelación de salarios, a inexistencia total de promocións, agás ao persoal directivo, falta de formación ou só formación para o persoal directivo, externalización de servizos, denegación inxustificada de permisos e amortización de postos de traballo. Ante estas condicións, os sindicatos indican que o persoal se atopa nunha situación insustentable da que o presidente portuario é consciente.

As centrais sindicais sinalan que teñen ao "inimigo en casa" e piden a equiparación co persoal laboral do resto de portos de España rexeitando a precariedade e a destrución de emprego público.