O narcotraficante galego José Ramon Prado Bugallo, coñecido como Sito Miñanco, xa se atopa na Audiencia de Pontevedra, onde será xulgado por branqueo de capitais procedentes do narcotráfico.
A Fiscalía solicita para el seis anos de prisión e que se lle impoña o pago dunha multa de 10 millóns de euros, o diñeiro que presuntamente branqueou, entre 1988 e 2007, mediante a adquisición a través da inmobiliaria San Saturnino de bens inmobles en diferentes concellos da provincia, entre eles Pontevedra, Cambados ou Sanxenxo.
Xunto a el, no banco dos acusados sentarán outras catro persoas, entre elas a súa primeira esposa, unha das súas fillas e un empresario que, segundo o fiscal, actuaría como home de palla do narcotraficante pontevedrés.
Miñanco chegou á sede xudicial pontevedresa ás dez da mañá, entrando pola porta principal escoltado por axentes da Policía Nacional e no medio de fortes medidas de seguridade. Minutos antes entraran na Audiencia a súa filla e a súa primeira esposa.
Foi trasladado desde a prisión da Lama (Pontevedra), onde chegou a pasada semana desde o cárcere de Alcalá Meco, penal no que ingresou tras ser detido en Alxeciras, no marco da denominada Operación Mito, como presunto líder dunha rede internacional de distribución de cocaína.
A diferenza da súa anterior estancia no cárcere pontevedrés, a finais do pasado mes de febreiro, o narcotraficante non estivo illado do resto de internos nin protagonizou unha folga de fame. "Ha desayunado muy bien", explicou o seu avogado, Gonzalo Boye.
O letrado asegurou que Sito Miñanco atópase tranquilo. "A nadie le gusta venir a un juicio y menos que venga su hija también, pero evidentemente hay que asumir la situación y él lo tiene claro", sinalou ás portas da sede xudicial pontevedresa.
O letrado explicou que Miñanco declarará ante o tribunal xa que "no tiene por qué no hacerlo". Engadiu que o fiscal "querrá comenzar" coa declaración do seu cliente e, a partir de aí, recoñeceu que "no tenemos unha agenda clara" do xuízo, polo que se irán resolvendo as cuestións "sobre la marcha".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.