O Entroido de Pontevedra volverá a estar marcado irremediablemente pola pandemia. Haberá festa pero adaptada ás actuais circunstancias e cumprindo os protocolos marcados pola Xunta.
Así, haberá elementos da programación tradicional que se poderán manter pero outros non, segundo adiantou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías.
Dentro da oferta na que traballa o departamento de Festas, Pontevedra seguirá organizando o pregón do Entroido, pero será nun espazo acoutado e perimetrado.
Ademais, haberá concurso de murgas no Pazo da Cultura e tamén se queimará o Loro Ravachol, pero non haberá velorio nin cortexo fúnebre.
As autoridades municipais descartan pola súa banda celebrar o desfile, a Mostra da Parodia e a Noite Pirata, se ben esta última reformularase como o "día pirata" e as rúas ambientaranse con barcos durante toda a xornada.
Haberá tamén unha festa infantil, pasarrúas para dar ambiente festivo á cidade durante toda a semana e outras actividades complementarias como unha exposición con carteis do entroido e outras imaxes icónicas.
Os detalles da programación do Entroido pontevedrés coñeceranse nos próximos días.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.