Os socialistas alertan de que Pontevedra mantén a Pablo Iglesias fóra do rueiro como no franquismo

Pontevedra
13 de xaneiro 2026

O grupo municipal do PSOE reclama ao Concello de Pontevedra reparar unha "débeda histórica" con este referente galego tras un 2025 marcado polo centenario do seu pasamento

Pablo Iglesias Posse PSOE

O grupo municipal do PSOE, liderado por Iván Puentes, presentou unha iniciativa formal para que o Concello restaure o nome de Pablo Iglesias Posse no rueiro da cidade, denunciando que se segue a perpetuar unha decisión tomada polas autoridades franquistas tras o golpe de Estado de 1936.

A proposta chega tras un 2025 de alta carga simbólica para os socialistas, no que se conmemoraron os 50 anos de democracia en España, así como o 175 aniversario do nacemento (Ferrol, 1850) e o centenario do falecemento (1925) do fundador do PSOE e da UGT.

A vinculación de Pablo Iglesias co espazo público pontevedrés non é nova, senón que foi froito do consenso republicano.

Segundo a documentación achegada polos socialistas, o 31 de xullo de 1931, a corporación municipal aprobou bautizar a actual Praza de San Xosé co nome do líder obreiro. Aquel cambio, ratificado polo Gobernador Civil, fíxose efectivo a principios de 1932.

Conxunto escultórico da Praza de San XoséGabriel González

A ocupación das institucións por parte do bando franquista en 1936 truncou este recoñecemento. A xestora municipal imposta polos sublevados eliminou o nome de Pablo Iglesias para darlle á praza a denominación de "Calvo Sotelo".

Coa chegada da democracia, o espazo recuperou o seu nome tradicional (San Xosé), pero a figura de Iglesias non foi recolocada en ningún outro punto da cidade.

"Perpetúase ata os nosos días a malévola e antidemocrática intención franquista de excluír a Pablo Iglesias do noso espazo público", sinala o portavoz socialista, Iván Puentes.

Para o PSOE, a recuperación deste nome non é só unha cuestión de partido, senón un "exercicio de reparación e xustiza" cara a un galego que cualifican de imprescindible para entender a historia sindical e política do país.

A moción presentada destaca a traxectoria de Iglesias, dende a súa infancia de pobreza nun hospicio ata converterse nunha figura de relevancia internacional e asinante do congreso constituínte da II Internacional en París (1889).

Solicitan que se asigne o nome de Pablo Iglesias Posse a unha rúa ou espazo público digno para cumrpir coa memoria democrática, tal e como fixeron outras moitas cidades tras a restauración das liberdades en 1978.

O PSOE agarda que todos os grupos apoien a moción no pleno municipal.

Parte da representación socialista no pleno do Concello de PontevedraCristina Saiz