Os socialistas plantexan unha nova conexión viaria para axilizar o centro de saúde de Poio

Poio
15 de maio 2026
Actualizado: 14:59

O PSdeG de Poio propón crear unha rotonda en Coruxa e unha nova conexión coa PO-308 para mellorar o acceso ao futuro centro de saúde e desbloquear o proxecto

Rolda de prensa do PSOE de Poio
Rolda de prensa do PSOE de Poio / PSOE de Poio

O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Poio propón a creación dunha conexión viaria no lugar de Coruxa, mediante unha rotonda na PO-308, como solución para facilitar o acceso ao futuro centro de saúde e desbloquear un proxecto que, segundo denuncian, permanece paralizado.

A iniciativa socialista busca habilitar un acceso directo aos terreos previstos para o equipamento sanitario sen pasar pola Canteira.

Ademáis, destacan que este vial melloraría as comunicacións da zona norte de Campelo e dos lugares do Castelo, Albar e Liñares.

O custo estimado da actuación sitúase arredor dos 500.000 euros.

O portavoz do grupo municipal, Gregorio Agís, critica a falta de avances no proxecto e acusa ao goberno local de ausencia de impulso político.

Sinala que, mentres noutros concellos da contorna se executan centros de saúde, en Poio o proxecto continúa sen desenvolverse desde a chegada do actual alcalde.

Ademais da mellora do acceso ao centro sanitario, os socialistas consideran que esta actuación permitiría ordenar a mobilidade da contorna e reforzar a seguridade viaria nun punto que presentan como complexo pola súa configuración actual.

O PSdeG-PSOE insiste en que o centro de saúde debe ser unha prioridade e reclama á Xunta e ao goberno local que impulsen a súa execución, ao entender que se trata dun equipamento necesario para a poboación de Poio.

Imaxe do vial proposto polo PSOE
Imaxe do vial proposto polo PSOE    PSOE de Poio

Resposta do goberno local

Desde o goberno local "desafían" ao grupo municipal do PSOE a que presenten unha empresa que estea disposta a executar o acceso á parcela nas Rochas pola contía económica que eles mesmos indican. No caso de conseguilo, comprométense a licitar a obra no prazo dun mes.

Din que resulta sorprendente que un partido con experiencia de goberno presente propostas sen contar previamente coa dispoñibilidade dos terreos e sen ter en conta as condicións técnicas reais da zona, con abundante presencia de rocha que esixe realizar voladuras, cuestións que encarecen e condicionan de maneira importante a actuación.