A construción dun novo centro de saúde en Poio volveu este martes ao debate político no Parlamento galego.
A deputada socialista Paloma Castro reclamou á Xunta que inclúa a obra nos próximos Orzamentos "con nomes e apelidos", lembrando que se trata dunha "demanda histórica" da veciñanza dun municipio que supera os 17.000 habitantes e que chega a duplicar esa cifra no verán.
Castro advertiu de que o actual ambulatorio de Anafáns "carece de espazo tanto para pacientes como para profesionais", o que impide ofrecer especialidades básicas como fisioterapia, odontoloxía ou nutrición, obrigando a derivar estes servizos a Pontevedra. Asegurou, ademais, que a falta de persoal mantén sen cubrir varias prazas e provoca unha "lista de espera crecente" e unha media de "1.400 pacientes por médico".

A parlamentaria acusou o PP de ter usado no pasado a promesa dun novo centro como "arma electoral", lembrando que en 2021 se anunciara un edificio de 2.289 metros cadrados que, segundo dixo, "segue sen ningún sinal de iniciarse" malia existir terreos dispoñibles.
Aproveitou tamén para cargar contra o actual alcalde popular: "Dous anos e medio despois, o proxecto continúa paralizado", ironizando coa "axilidade" que, ao seu xuízo, si se viu noutros concellos gobernados polo PP.
Pola súa banda, a portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, defendeu o "compromiso firme" da Xunta coa obra e asegurou que o novo centro será unha realidade "no momento en que haxa unha parcela viable". Amigo responsabilizou ao anterior goberno municipal —BNG co apoio do PSdeG— de deixar "unha situación complexa" ao adquirir unha parcela en Campelo "sen abastecemento, sen saneamento, sen accesos e que require un viario novo".
A deputada popular insistiu en que o SERGAS xa advertira da necesidade dun plan especial para urbanizar a zona e dotala de servizos, algo que "non se fixo", segundo sinalou.
Defendeu que a Xunta dispón desde 2021 dun proxecto para un edificio de 2.300 metros cadrados con consultas médicas e de enfermaría, pediatría, fisioterapia, saúde bucodental e matrona, e que "o único que falta é un terreo apto", algo no que, afirmou, "o actual goberno municipal xa está traballando".

O BNG votou a favor da iniciativa dos socialistas e acusou a Xunta e ao PP de "botar balóns fóra" en Sanidade e "culpar sempre aos demáis" cando, neste caso, "a responsabilidade é única e exclusivamente do Partido Popular" que, segundo dixo a deputada nacionalista Montse Prado "o problema que ten é que é unha parcela que mercou o Concello de Poio cando estaba gobernado polo BNG".
Entre reclamacións, responsabilidades cruzadas e promesas pendentes, o novo centro de saúde de Poio continúa, polo momento, no taboleiro da política local e autonómica, á espera de que Xunta e Concello acaden un acordo que permita desbloquear definitivamente o proxecto.