O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou este xoves á Xunta de Galicia que anticipe a ampliación do programa de cribado poboacional de cancro de mama para incluír as mulleres de entre 45 e 49 anos, unha medida recentemente aprobada pola Comisión de Saúde Pública do Sistema Nacional de Saúde.
Durante unha visita ás instalacións da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra, Besteiro valorou positivamente a modificación do programa estatal de detección precoz do cancro de mama, aprobada o pasado 20 de maio, que amplía a poboación destinataria das mamografías periódicas desde o actual rango de 50 a 69 anos até as mulleres de entre 45 e 74 anos.
A nova proposta mantén a realización dunha mamografía cada dous anos para todo o rango de idade incluído no programa. A súa implantación será progresiva, de modo que as comunidades autónomas disporán dun prazo máximo de tres anos para iniciar a ampliación e de até seis anos para alcanzar unha cobertura próxima ao 100 % entre os novos grupos de idade.
Ante este calendario, o líder dos socialistas galegos instou o Goberno autonómico a adiantar a súa aplicación en Galicia.
Segundo explicou Besteiro, a medida podería beneficiar a unhas 116.000 mulleres galegas de 45 a 49 anos.
"O cribado é eficaz, salva vidas e adiantalo aos 45 anos é unha medida positiva que imos pedir", sinalou Besteiro, quen subliñou que a experiencia acumulada demostra a efectividade destes programas de detección precoz. "É un éxito como sociedade que esteamos a vencer un cancro que durante moito tempo significaba a morte", engadiu.
Durante a súa comparecencia, Besteiro tamén se referiu ás mobilizacións convocadas este xoves en toda Galicia pola Plataforma SOS Sanidade Pública para denunciar a situación das listas de espera no sistema sanitario galego.
O dirixente socialista asegurou que as protestas reflicten unha realidade que o seu partido vén denunciando desde hai tempo e acusou á Xunta de carecer dunha planificación axeitada en materia sanitaria.
"Estamos a observar unha falta de planificación e de capacidade para anticiparse a problemas reais como as listas de espera", afirmou.
Así mesmo, vinculou esta situación coas dificultades existentes na xestión das baixas laborais e cos atrasos na realización de probas diagnósticas. Neste sentido, defendeu a necesidade de incrementar o investimento en sanidade pública, especialmente en atención primaria e asistencia hospitalaria.
"O que hai que facer é planificar e, sobre todo, dotar de máis recursos ao sistema", sostivo.
Besteiro lembrou ademais que, segundo indicou, o Estado transferiu nos últimos anos importantes recursos adicionais ás comunidades autónomas para reforzar os servizos públicos, incluída a sanidade. Ao seu xuízo, eses fondos non se están a traducir nunha mellora da atención sanitaria en Galicia, unha situación que, segundo afirmou, contribúe ao mantemento de longas listas de espera.