Socorren unha vítima de violencia machista que se escondeu na casa e chamou á policía porque temía pola súa vida

Poio
15 de novembro 2021

A Policía Local detivo a un veciño de Poio como presunto autor dos delitos de lesións e ameazas graves no ámbito da violencia de xénero tras presuntamente agredir e ameazar á súa parella, unha muller que xa en 2020 denunciara feitos similares e que a semana pasada foi agredida dous días seguidos 

Detención do presunto agresor machista
Detención do presunto agresor machista / Policía Local de Poio

Novo caso de violencia machista en Poio. A Policía Local detivo o pasado venres a un veciño do municipio como presunto autor dos delitos de lesións e ameazas graves no ámbito da violencia de xénero tras presuntamente agredir e ameazar á súa parella, unha muller que xa en 2020 denunciara feitos similares. 

Nesta ocasión, a propia vítima deu a voz de alarma sobre as 16.49 horas do pasado venres 12 de novembro. Chamou á Policía Local para alertar de que estaba escondida no interior da súa vivenda á espera da patrulla policial  e pedía a intervención inmediata dos axentes porque temía pola súa vida.

A moza contoulles que o día anterior a súa parella habíaa agredido e ese venres sufrira unha nova agresión, de modo que temeu pola súa vida e escondeuse. Relatoulles, así mesmo, que o home consome substancias. 

Os axentes municipais desprazáronse á vivenda e entrevistáronse de forma reservada coa vítima. Nese momento, relatoulles que sofre continuas agresións e ameazas e que sofre tanto medo que nunha ocasión anterior xa denunciara feitos similares, aínda que logo retirou a denuncia por ese medo. 

Os policías corroboraron que presentaba varias lesións na cara e déronlle a protección necesaria, á vez que a acompañaron a dependencias policiais para que formulase denuncia.

A continuación, os policías detiveron ao agresor e confirmaron, a través da base de datos  Xespol de Policía Local de Poio, que constan feitos relativos a outro delito de violencia de xénero coa mesma vítima e mesmo agresor no ano 2020.