Con motivo da súa participación na Semana Europea da Prevención de Residuos 2025, que arrincou o pasado sábado, 22 de novembro, e estenderase ata o próximo día 30, Sogama instalará mañá, martes 25, no Campus Universitario de Pontevedra.
Trátase dunha aula que dará a coñecer as claves para levar a cabo unha xestión sostible dos residuos na que se priorice a estratexia dos tres erres: redución da cantidade de refugallos producidos, reutilización dos produtos o maior número de veces posible, e reciclaxe dos distintos materiais que conforman o lixo a fin de darlles unha nova vida, evitando o consumo dos xa escasos e limitados recursos naturais.
Atendida por técnicos especializados, a aula situarase diante da Escola de Forestais, en horario de 11:00 a 18:00 horas.
Estará equipada con paneis, gráficos e pantallas para que os universitarios poidan tomar nota do proceso de xestión que seguen os residuos desde que se producen e se depositan no contedor correspondente ata que se recuperan, ben mediante a súa reciclaxe, no caso dos susceptibles de ser reciclados, ben mediante a súa compostaxe, aplicable á materia orgánica, ou ben a través da súa valorización enerxética, no caso da fracción non reciclable, xa que, de non ser convertida en electricidade, acabaría enterrada en vertedoiro, a peor das opcións debido ao seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde.
Todos os que se acheguen ao punto informativo e participen nas súas actividades, serán obsequiados con distinto merchandising.
XESTOS PARA PRODUCIR MENOS RESIDUOS
-
Transforma a roupa vella en trapos multiusos.
-
Leva a túa propia bolsa ou carro á compra.
-
Opta por adquirir produtos a granel e co menor envase e envoltorio posible.
-
Planifica os menús, axusta as racións ao número de comensais e aproveita as sobras para novas comidas.
-
Diferenza entre data de caducidade e data de consumo preferente. A primeira indica o momento a partir do cal un produto pode ser prexudicial para a saúde; a segunda. o momento para partir do cal o produto pode perder cualidades (sabor, textura, presenza), pero sen representar un risco para a saúde.
-
Prioriza o uso de botellas, cuncas e vasos reutilizables, e evita a súa versión en plástico.
-
Prescinde dos panos de mesa e de papel, e opta polos de tea.
-
A adquisición de aparellos eléctricos e electrónicos reacondicionados, pode representar unha magnífica oportunidade para coidar o medio ambiente e aforrar diñeiro.
-
A autocompostaxee, no caso de vivendas con terreo, permite poñer en valor os residuos orgánicos mediante a súa transformación nun abono natural que regresa á terra para dar unha nova vida, constituíndo un dos mellores exemplos de economía circular.
-
Incorpora a reciclaxe á túa vida. Segrega correctamente os residuos por tipos de material e deposita cada fracción no contedor correspondente: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para vidro; contedor marrón, para materia orgánica; e gris ou verde, para a fracción resto.