O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantivo unha xuntanza de traballo con membros da directiva da Asociación Cultural Os Afoutes do Canón de Pau no transcurso da cal o rexedor comprometeu o apoio institucional do Concello ao "I Encontro Tradicional Antón Fraguas" no que se homenaxeará a agrupacións folclóricas que existiron no municipio.
Nesta primeira edición que se está a preparar, e que pretende levarse a cabo no mes de setembro ou outubro, as agrupación folclóricas que serán obxecto da homenaxe serán a Escola de Gaitas de Carballedo, Ricardo Portela, o Grupo de Baile Tradicional de Carballedo (“Polo”) e a Banda de Gaitas Xoeira de Carballedo.
Para poder levar a cabo esta homenaxe os promotores da iniciativa solicitan a colaboración da veciñanza para conseguir reunir fotografías, carteis, imaxes, instrumentos trofeos, etc. pertencentes a calquera destas agrupacións folclóricas que durante moitos anos estiveron activas en Carballedo.
Para poñer en marcha esta iniciativa Os Afoutes do Canón de Pau poñen a disposición da veciñanza como teléfono de contacto o 699 200 798 e o correo electrónico [email protected].
Cubela salientou a importancia desta iniciativa "que pretende non so a recuperación da memoria musical e folclórica da nosa terra senón que tamén é un xeito de homenaxear a aquelas persoas e agrupacións que contribuiron co seu traballo a manter vivas as nosas tradicións, a nosa música e a nosa cultura".