O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela acompañou aos membros da Comisión de Festa de Vilanova de Tenorio na presentación do programa festivo para honrar á Virxe de Fátima que terá lugar os días 18 e 19 de agosto e tamén a Comisión de Festas de Chamadoira fixo público o programa lúdico-festivo que se desenvolverá sábado 19 de agosto na honra de San Bartolomé.
Así en Vilanova de Tenorio o venres 18 de agosto pola noite terá lugar unha gran verbena a cargo de Tania Veiras e a Disco Móbil Chocolate "Dj Tito Maverick". O sábado 19, pola mañá, haberá tirada de bombas e pasarrúas a cargo de Charandonga. Ás 13 horas terá lugar a misa solemne cantada na honra da Virxe de Fátima, de seguido haberá procesión acompañada pola Banda Militar da Brilat. A continuación, sesión vermú amenizada pola Charanga Charandonga e pola noite gran verbena a cargo das orquestras Fuego e Origen.
Durante os dous días haberá inchables gratis para nenos entre as 22:30 horas e as 2:30 horas. Rematará a festa con chocolate e biscoito de balde.
FAMELGA
Por outra banda, os veciños de Famelga celebran este venres 18 de agosto as festas na honra de San Bartolomeu. O pasarrúas da mañá correrá a cargo dos Abrentes de Cerdedo e ás 13 horas haberá misa solemne.
Pola noite, ás 21 horas, haberá unha gran churrascada amenizada pola Charanga OT e ás 23 horas terá lugar a verbena amenizada polo trío Tic Tac e a disco móbil Bola de Cristal.
CHAMADOIRA
O programa festivo comeza pola mañá cedo cun pasarrúas a cargo da Banda de Música de Cerdedo que tamén será a encargada de acompañar a procesión e ofrecer un posterior concerto despois da misa solemne que terá lugas ás 13 horas.
A partir das 21 horas venderease polbo á feira e racións de empanada no Bar con café e queimada que será o preludio da chegada da hora da gran verbena que estará amenizada polos grupos La Mecánica e o trío Soprano. Ao remate da verbena a Comisión de Festas servirá aos asistentes a tradicional chocolatada para repoñer forzas despois de bailar ata altas horas da madrugada.
O alcalde, Jorge Cubela, felicitou aos membros da Comisións de Festas e animounos a seguir traballando para dinamizar o municipio con este tipo de celebracións e fomentar o reencontro familiar e as actividades de unión veciñal.