Solicitan unha axuda autonómica para mellorar a seguridade viaria na contorna do colexio da Florida

Sanxenxo
17 de marzo 2025

O Concello de Sanxenxo valora a actuación en case 65.000 euros e pide axuda á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader)

Vial Ricardo Santos Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo dispón xa dun proxecto para mellorar a seguridade viaria na contorna do colexio da Florida.

A actuación valorada en case 65.000 euros abarca o tramo da Rúa Ricardo Santos desde a entrada do centro educativo até o seu entroncamento coa estrada da Deputación de Pontevedra e opta a unha axuda autonómica da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

A lonxitude total do viario é de 458 metros e o ancho medio da súa plataforma ascende a uns 6,20 metros, presentando bastantes diferenzas ao longo do seu percorrido.

A capa de rodaxe do pavimento debido ao seu elevado uso presenta un estado de conservación deficiente, polo que urxe a reposición completa.

Prevese a execución dunha ampliación do viario a través dunha tira de ensanche ao longo da marxe esquerda nunha lonxitude de 107 metros, coa que se gañarán 1,50 metros de calzada sobre terreos que son xa de propiedade municipal, e, doutra banda, coa pavimentación dun sobreancho de 6,50 metros ao longo de 27 metros do mesma marxe esquerda aproveitando a cesión dunha parcela ao comezo do camiño.

Vial Ricardo Santos      Concello de Sanxenxo

A obra leva aparellada unha cesión e a reposición do muro enfronte da entrada no pavillón onde se farán varias prazas de aparcadoiro.

Ademais, eliminarase unha cuneta ao descuberto existente que hai, coa correspondente recollida de pluviais.

Para finalizar as actuacións pavimentarase a totalidade da calzada cunha capa de 5 centímetros de espesor de mestura bituminosa en quente, así como se recrecerán as tapas de rexistro afectadas e colocarase a sinalización vertical necesaria.

Esta actuación unida á que senda que se proxecta na estrada da Deputación na zona de Miraflores, visitada recentemente, mellorará a seguridade viaria en todo en todo o perímetro do centro educativo.