Axentes da Policía Local de Poio interviñeron este xoves unha zódiac semirríxida pneumática que foi localizada no Peirao Besada sen identificar a ningún tripulante.
Segundo informaron desde a Xefatura Local, esta embarcación utilizouse nesta pasada noite para extraer ilegalmente ameixa da ría.
A Policía sospeita que a embarcación "posiblemente foi subtraída por furtivos, para sacar o produto".
Os furtivos traballan coa baixamar e cando comeza a subir a marea cargan a ameixa nunha embarcación coa que a trasladan pola ría ata subila en vehículos.
Neste caso os axentes non localizaron a ninguén, xa que abandonaron a embarcación de noite.
Desde a Policía Local solicitan colaboración á cidadanía para localizar ao lexítimo propietario.