Solicitan licenza para crear unha residencia privada de maiores na Parda e un centro de danza no antigo Liceo de Estribela

Pontevedra
12 de agosto 2020

Xaquín Moreda, concelleiro de Urbanismo, explicaba este mércores que durante o primeiro semestre do ano non se notou un descenso en canto a actividade urbanística municipal debido á pandemia. Entre outras xestións de iniciativa privada nos últimos dous meses solicitouse licenza para a construción dun edificio de 100 vivendas en Eduardo Pondal 

Escola Infantil da Parda fronte ao espazo onde se proxecta unha residencia privada para maiores
Escola Infantil da Parda fronte ao espazo onde se proxecta unha residencia privada para maiores /

No primeiro semestre deste 2020 mantívose unha notable actividade urbanística no Concello de Pontevedra, segundo explicaba Xaquín Moreda, concelleiro de Urbanismo. Durante este período presentáronse 35 comunicacións de acondicionamento de locais e pedíronse 23 licenzas de obra maior, entre as que se atopan nove relacionadas con creación de vivendas, tres rehabilitacións, dúas modificacións de edificios, catro cambios de baixo comercial a garaxe e dúas piscinas.

Moreda indicou que durante os meses de confinamento non parou a actividade e houbo "certo dinamismo". Durante os dous últimos meses destacan tres solicitudes de licenza. Unha delas para a construción dun edificio de cen vivendas na rúa Eduardo Pondal.

Tamén por iniciativa privada, pediuse nas oficinas municipais licenza para a construción dunha residencia para maiores no barrio da Parda. Esta construción, segundo o escrito presentado, situaríase na esquina entre a rúa Diego Sarmiento de Acuña e a Rúa Abundancia, fronte á Escola Infantil da Parda. As instalacións contarían con 132 habitacións, 114 individuais e 18 dobres, polo que terían un aloxamento para 150 persoas.

Ademais, o antigo edificio do Liceo Cultural de Estribela conta coa posibilidade de que se rehabilite a pedimento dun particular interesado en crear un centro superior de danza neste edificio que, na actualidade, se atopa pechado e abandonado. En outubro de 2017 se declaraba un incendio no primeiro piso deste edificio que está dotado de salas amplas que poden albergar as clases de danza, segundo explicaba o concelleiro de Urbanismo ao indicar que non se necesita facer modificacións estruturais no inmoble porque conta con espazos que historicamente xa foron empregados para bailes sociais. Este edificio atópase situado na entrada da rúa Marqués de Valterra. 

RECLAMACIÓNS DE AMIZADE E COGAMI

Xaquín Moreda tamén se referiu ás peticións realizadas polos colectivos Amizade e Cogami en relación á ordenanza de mobilidade reclamando que non se estableza un límite temporal de estacionamento nas prazas para persoas con mobilidade reducida.

Segundo explicou o concelleiro, esta ordenanza tivo un período de exposición pública para a presentación de alegacións. Sinalou que colectivos como  Pedaladas presentaron as súas reclamacións mentres que nin  Amizade nin Cogami realizaron ningunha petición respecto diso. "Se non fas alegacións e agora dis que non te vale, pois tampouco parece moi normal", apuntou Xaquín Moreda.