Sopa cremosa de mariscos e mexillóns Pescamar

Pontevedra
07 de novembro 2020

A serie de "A cociña gourmet en conserva" ofrécenos unha receita que é indicada para entrante ou como prato principal, e na que aproveitaremos todas as propiedades do mexillón, un molusco caracterizado polo seu baixo contido en graxas e alta porcentaxe de proteínas, axeitado para unha dieta saudable

Sopa cremosa de mariscos e mexillóns
Sopa cremosa de mariscos e mexillóns / Kamran Aydinov - www.freepik.es

Chega unha nova entrega da serie "A cociña gourmet en conserva", da man de Conservas Pescamar. Nesta ocasión, imos cociñar unha sopa cremosa de mariscos e mexillóns que é indicada para entrante ou como prato principal, se desexamos un menú lixeiro.

Os Mexillóns Pescamar son altamentes nutritivos, grazas á súa achega en ferro, fósforo, vitamina B12 e omega 3. O seu baixo contido en graxas e alta porcentaxe de proteínas, convértenos nunha perfecta alternativa ás carnes vermellas en dietas saudables e de control de peso.

Para preparar unha deliciosa Sopa cremosa de mariscos e mexillóns Pescamar, necesitamos os seguintes ingredientes:

- Ingredientes para a crema:

  • 2 latas de Mexillóns gourmet de Conservas Pescamar
  • 1 feixe de allos tenros
  • 1 feixe de porros
  • 1 kg de patacas
  • nata líquida
  • 1 pemento vermello
  • 1 rama de fiúncho
  • pementa branca e sal
  • 150 g de manteiga

 

- Ingredientes para o caldo fumet:

  • Restos de peixe (espiñas e carne de peixe sapo)
  • Restos de mariscos (cacho e carne de gambas, lagostinos, cangrexos)
  • aceite de oliva
  • 2 tomates maduros
  • 1 cebola
  • 1 dente de allo
  • 1 allo porro
  • 1 poliña de apio

 

Elaboración:

En primeiro lugar, preparamos o fumet. Para iso, friximos lixeiramente a cebola, o allo e o tomate. Cando estea listo o rustrido, engadimos os restos de peixes e mariscos e vertemos auga ata cubrir todos os ingredientes. Cocemos uns minutos. Agregamos o allo porro e a poliña de apio e seguimos cocendo. Cando o caldo estea concentrado, coamos e reservamos.

A continuación, refogamos en manteiga todos os ingredientes da crema, agás os mexillóns e a nata. Vertemos o fumet e deixamos fervendo 20 minutos.

Transcorrido este tempo, pasamos o contido da cazola polo coadoiro chinés, levámolo de novo a ebulición e salpementamos. Engadimos pouco a pouco a nata ata acadar a consistencia cremosa desexada.

Presentamos a sopa cremosa nun prato sopeiro ou en cuncas de consomé. Colocamos enriba os mexillóns gourmet Pescamar, previamente escoados do líquido da lata, e unha ramiña de fiúncho.

En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora