Sorprenden unha lancha pescando ilegalmente no Parque Nacional das Illas Atlánticas

O Salnés
19 de agosto 2025

Axentes do parque interviñeron tras recibir o aviso dun particular da presenza dunha embarcación ancorada ao sueste do illote da Herbosa, en Sálvora

Lancha sorprendida pescando ilegalmente cerca de Sálvora
Lancha sorprendida pescando ilegalmente cerca de Sálvora

O pasado luns 18 de agosto, unha lancha pneumática con bandeira portuguesa foi interceptada mentres realizaba pesca ilegal en augas protexidas do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

A actuación foi posible grazas ao aviso dun particular que alertou sobre a presenza sospeitosa dunha embarcación ancorada ao sueste do illote da Herbosa, na contorna de Sálvora.

En canto recibiron o aviso, os axentes do parque nacional desprazáronse rapidamente ao lugar indicado. Alí atoparon unha pequena lancha nunha cala pouco profunda, con dúas persoas a bordo: unha delas permanecía na embarcación, mentres a outra practicaba pesca submarina con fusil e chumbos, unha actividade expresamente prohibida dentro deste espazo protexido.

Durante a inspección, os axentes identificaron aos ocupantes e comprobaron que non contaban con ningún tipo de autorización para estar alí nin para realizar actividades extractivas.

Ademais, comisouse o equipo de pesca submarina e documentáronse os feitos con fotografías, así como cos datos da embarcación.

A operación contou tamén co apoio do servizo de vixilancia da Confraría de Pescadores de Aguiño (Ribeira), que colaborou coa súa embarcación no operativo.

Agora, a dirección do Parque Nacional ha iniciado os trámites para abrir un expediente sancionador por unha posible infracción do Plan Reitor de Uso e Xestión do parque, así como da Lei de Parques Nacionais. Esta normativa protexe estes espazos únicos e regula todas as actividades que se poden desenvolver neles.

Convén lembrar que tanto a pesca como a caza deportivas están terminantemente prohibidas dentro dos parques nacionais, xa que son consideradas incompatibles coa conservación dos seus valores naturais e a súa biodiversidade.