Tras sumar máis dunha decena de detencións e protagonizar numerosos incidentes violentos, catro tan só na última semana, finalmente, a muller que o mércores pasado deu unha forte malleira a un septuaxenario foi enviada a prisión.
A muller, de 44 anos, é moi coñecida en ambientes policiais en Pontevedra porque leva moito tempo protagonizando incidentes violentos, pero, até agora, cada vez que fora detida, quedaba en liberdade en calidade de investigada.
Este martes, con todo, acabou en prisión. Nesta ocasión, fora detida na o luns por unha dobre agresión na mesma tarde e pasou ao dispor do Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra, que a deixou en liberdade investigada polo delito de atentado.
A pesar diso, foi ao cárcere porque o mesmo luns pola tarde o Xulgado do Penal número1 de Pontevedra emitiu unha requisitoria de detención e ingreso en prisión sobre esta muller. O obxectivo: asegurar a súa presenza nun xuízo por un delito de atentado e outro leve de lesións sinalado para o 11 decembro de 2025. Por estes feitos xa fora citada para xuízo, pero non apareceu.
Doutra banda o xulgado oficiou ao Instituto de Medicina Legal d Galicia (Imelga) para que informe sobre a imputabilidade desta muller.
.
Fontes policiais confirmaron que a Policía Nacional detívoa despois de que, sobre as 18.00 horas, atacase unha moza menor de idade, de tan só 15 anos, no tramo peonil de Benito Corbal.
A vítima saía do supermercado cando viu como esta muller estaba a gritar a un home na vía pública. Quedou mirando e, ao darse conta da súa presenza, tomouna con ela.
Encarouse con ela, agarroulle o pescozo e o pelo, tirouna ao chan e arrastrouna durante ao redor de 10 metros.
Un axente da Policía Nacional fóra de servizo presenciou a agresión e interveu. Tamén participaron máis cidadáns para axudar a reter á muller, que estaba moi violenta e empezou a cuspir a todos os presentes.
Nese momento, chegou tamén unha patrulla da Policía Local. Viña buscando a esta muller porque instantes antes tivera un altercado cun home en Cobián Rofignac.
O home chamoulle a atención porque ía tirar unha bolsa de lixo na rúa e, como resposta, supostamente colleu un lastro e tirouno contra o seu coche.
O afectado chamou á Policía Local e deu unha descrición da muller, de orixe brasileira e vestida con roupa escura e turbante.
Coincidiu coa descrición da muller que atacou á menor en Benito Corbal e tamén coa que o mércores pasado atacou un home de 77 anos en Andrés Muruais e o venres a dúas mozas en Benito Corbal.
En total, no seu historial suma máis dunha decena de detencións, a maioría por atentado ou lesións.