O Concello de Soutomaior anunciou a contratación de 18 persoas para reforzar a limpeza, o mantemento e as tarefas administrativas durante o ano 2026.
As novas incorporacións abarcan diversos ámbitos: 3 varredores, 3 albaneis, 10 peóns forestais, 1 auxiliar de Biblioteca e 1 auxiliar administrativo.
Os peóns forestais centrarán o seu traballo na limpeza e mantemento de camiños, así como en labores de prevención de incendios. Mentres, os varredores atenderán rúas e zonas verdes municipais, e os albaneis realizarán mantemento de rúas, beirarrúas, instalacións e outras infraestruturas públicas.
O proceso de incorporación será escalonado para asegurar a cobertura durante todo o ano, especialmente nos meses de maior demanda.
O primeiro bloque de traballadores de rúa comezará o 20 de marzo e o segundo o 20 de maio.
A auxiliar de Biblioteca iniciará as súas funcións o 1 de abril con contrato de nove meses, e o auxiliar administrativo comezará o 9 de abril cun contrato de catro meses, previsto para setembro.
Para favorecer a transparencia e a igualdade de oportunidades, o Concello fai públicos por terceiro ano consecutivo os códigos necesarios para solicitar cada praza na oficina de emprego:
- Peón forestal: 95431028
- Varredor: 94431016
- Albanel: 71211015
- Auxiliar administrativo: 45001019
- Auxiliar de Biblioteca: 42101011
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que "coa incorporación destes 18 traballadores queremos que a veciñanza goce dun concello limpo, arranxado e, ao mesmo tempo, dinamizar o emprego no municipio".
Estas contratacións contan coa cofinanciación do propio Concello e da Deputación, e están destinadas a persoas en situación de desemprego e inscritas como solicitantes de emprego.