Soutomaior abre as reservas para o Xantar Popular da súa Semana Grande

Soutomaior
21 de xullo 2026

A comida popular celebrarase o 2 de agosto na carballeira da contorna da igrexa de San Salvador e as reservas poderán realizarse até o próximo 29 de xullo

Xantar Popular de Soutomaior
Xantar Popular de Soutomaior / Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior abre o prazo de inscrición para participar no Xantar Popular da III Semana Grande, unha das actividades centrais da programación estival do municipio.

A comida celebrarase o próximo 2 de agosto na carballeira da contorna da Igrexa de San Salvador e as reservas poderán realizarse até o 29 de xullo.

Desde o goberno local esperan reunir centos de veciños nunha xornada marcada polo ambiente, a gastronomía e as ganas de compartir mesa nun dos espazos máis emblemáticos da parroquia de San Salvador.

Tal e como destaca o alcalde, Manu Lourenzo, esta cita representa "o espírito da Semana Grande" ao tratarse dunha actividade aberta e participativa que busca reforzar os espazos de convivencia no municipio.

As persoas interesadas deberán abonar 20 euros por praza, indicando o nome de quen realiza a reserva no concepto da transferencia ou do Bizum. Unha vez efectuado o pago, os tickets poderán recollerse nas Oficinas Xerais do Concello presentando o DNI ou unha copia do documento da persoa titular da reserva.

Xantar Popular de Soutomaior
Xantar Popular de SoutomaiorConcello de Soutomaior

As asociacións rexistradas en Soutomaior tamén poderán xestionar de forma conxunta as inscricións dos seus membros mediante un único ingreso. O Concello lembra ademais que será imprescindible presentar o ticket para acceder ao recinto do Xantar Popular.

O alcalde anima á participación de toda a veciñanza xa que "a mellor maneira de facer grande esta festa é participando", polo que espera que o Xantar Popular "volva encherse de familias, amizades, asociacións e persoas con ganas de celebrar xuntas un dos días máis especiais do verán.

Con esta iniciativa, o Concello continúa impulsando unha III Semana Grande que combinará propostas culturais, musicais, deportivas e tradicionais con actividades dirixidas a todos os públicos durante o verán.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora