As inscricións para participar nas xornadas formativas do proxecto 'Ruralmente, liderado por Galicia Suroeste' xa están abertas.
A actividade, impulsada por Galicia Suroeste en colaboración co GDR Límia-Arnoia e a Asociación para o Desarrollo Integral del Valle del Ambroz, en Estremadura, busca pór en valor produtos agroalimentarios únicos e de gran calidade dos territorios participantes.
Neste caso desenvolveranse tres actividades formativas nos municipios de Pazos de Borbén, Soutomaior e Tui durante este mes de maio. A participación é gratuíta e as persoas interesadas poden inscribirse previamente a través da web galiciasuroeste.gal até completar as prazas dispoñibles.
Concretamente, a de Soutomaior celebrarase o mércores 20 de maio no Centro Multiusos de Arcade. A xornada estará centrada na creación de experiencias turísticas vinculadas a produtos agroalimentarios de calidade, coa participación da granxa Casa Grande de Xanceda, a quesería Airas Moniz e os restaurantes ecolóxicos Fogar do Santiso.
O programa incluirá tamén unha sesión práctica que permitirá ás persoas asistente gozar dunha experiencia enoturística no propio municipio, cunha visita ás adegas Noelia Bebelia con Simón Barcia.
A xornada será inaugurada polo alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e contará coa participación da concelleira de Turismo, Silvia Cernadas.
O prazo de inscrición para esta actividade permanecerá aberto até o 19 de maio a través deste enlace.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.