Soutomaior agarda 30.000 persoas esta fin de semana na Festa da Ostra, que prevé servir 100.000 pezas

Soutomaior
03 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O prato estrela, como cada ano, será a ostra ao natural que poderá ser consumida a través de dous postos, pero todas as persoas que visiten a festa poderán desfrutar do OsTres, unha gastro experiencia na que as persoas interesadas terán a oportunidade de degustar a ostra cociñada de tres maneiras diferentes

 Gastro-experiencia OsTres para a Festa da Ostra 2024
Gastro-experiencia OsTres para a Festa da Ostra 2024

Conta atrás para a XXXVI da Festa da Ostra. O Concello de Soutomaior ultima todos os detalles para a celebración, na que agardan que visiten o municipio máis de 30.000 persoas que prevén que consuman máis de 100.00 ostras ao longo da fin de semana.

O alcalde, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Réxime Interior, Diego Moreira, presentaron este mércores detalles desta edición, na que destaca a gastro experiencia OsTres.

O prato estrela, como cada ano, será a ostra ao natural que poderá ser consumida a través de dous postos, pero todas as persoas que visiten a festa poderán desfrutar do OsTres, unha gastro experiencia na que as persoas interesadas terán a oportunidade de degustar a ostra cociñada de tres maneiras diferentes.

Así, está composta por ostra mar e montaña sobre unha crema carbonara ibérica, ostra adobada en teriyaki sobre crema de aguacate e caviar de arenque e ovas de salmón e ostra en escabeche tradicional. Os tres pratos deberían degustarse nesta orde.

O alcalde explicou que esta experiencia gastronómica ten como obxectivo "achegar novos formatos da ostra a unha cociña moderna que permita desfrutar da ostra noutras modalidades". Aínda así, insiste en que "a mellor experiencia da ostra e tomala e degustala ao natural co seu sabor a mar único en todo o seu esplendor e se ademais acompañamos a ostra cun viño de Soutomaior a experiencia será inigualable".

Estes tres pratos estarán cociñados polo Calidus Catering que lidera o  veciño de Soutomaior Joaquín Lema. 

O prezo da ración da ostra ao natural, dunha ducia de ostras, e de Os Tres será de 10 euros.

A botella de viño custará 12 euros. Haberá posibilidade de tomar os albariños de Soutomaior: Noelia Bebelia, María Vinyals e Cosecheros Reunidos.

As casetas da festa abrirán o sábado, 5 de abril, a partir das 12:00 horas. O domingo as casetas abrirán ás 11:00 horas. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora