Soutomaior alcanza un orzamento récord de 9,4 millóns de euros

Soutomaior
29 de agosto 2025

Este incremento, próximo ao 70% respecto ao orzamento inicial, débese en gran medida á captación de financiamento externo, con máis de 3 millóns de euros en subvencións e achegas

Manu Lourenzo visita unha zona en obras
Manu Lourenzo visita unha zona en obras

O Concello de Soutomaior pecha o mes de agosto cunha situación financeira inédita, segundo sinalan desde o goberno local.

O presuposto municipal para 2025 supera xa os 9,4 millóns de euros, o que supón unha cifra récord na historia do municipio.

De feito, é que o orzamento máis alto rexistrado até entón fora de 8,4 millóns, tamén conseguido baixo o actual goberno municipal o pasado ano 2024.

Este crecemento, que supón un incremento próximo ao 70% respecto ao orzamento inicial, débese en gran medida á captación de financiamento externo, con máis de 3 millóns de euros en subvencións e achegas conseguidas só no que vai de ano.

É por iso que, ante este novo escenario, o Goberno local levará a próxima semana a pleno unha modificación orzamentaria para acometer os gastos da última parte do ano, na que entre as obras iniciadas e as que empezarán a semana que vén, o Concello investirá máis de 3 millóns de euros.

O alcalde do munipio, Manu Lourenzo, sinalou que a realidade económica actual esixe adaptar a planificación municipal xa que "o plan económico do anterior Goberno contemplaba unhas expectativas por baixo da situación real que Soutomaior vive".