O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico comunicou a súa intención de declarar a anguía como especie en perigo de extinción, unha medida que implicaría a prohibición da súa pesca en todo o Estado ao abeiro da Lei de Patrimonio Natural e da Biodiversidade. Esta posibilidade xerou unha fonda preocupación no sector pesqueiro de Arcade, onde a anguía representa un piar económico fundamental.
A situación foi analizada este luns nunha reunión celebrada na Confraría de Pescadores de Arcade, á que asistiu o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo.
Segundo trasladou a propia confraría, a pesca da anguía supón arredor do 80 % dos seus ingresos, polo que unha eventual prohibición sería, en palabras do sector, "calamitosa" e podería condenar á ruína a numerosas familias vinculadas a esta actividade tradicional.
Dende a confraría aseguran que os datos dos que dispoñen avalan a boa xestión do recurso e indican que, nos últimos anos, lonxe de producirse unha diminución nas capturas, detectáronse mesmo certos repuntes. Neste senso, o alcalde de Soutomaior defendeu que existen alternativas á prohibición total da pesca para garantir a conservación da especie.
"Hai moitas medidas para protexer a anguía, como o coidado do seu hábitat, antes que prohibir a súa pesca. Non ten sentido aplicar prohibicións aquí mentres Francia e Portugal seguen pescando", sinalou Manu Lourenzo, quen lembrou tamén que existen informes que apuntan a outras causas principais que afectan á especie, como a perda do 95 % do seu hábitat natural.
O rexedor incidiu ademais no carácter sustentable da actividade que desenvolven os anguileiros de Arcade. "A pesca artesanal é unha pesca coidadosa e respectuosa, e os propios profesionais son os máis interesados en manter a sustentabilidade da especie, xa que levan xeracións dedicándose a ela e ninguén ten máis sensibilidade ambiental que este sector", afirmou.
Finalmente, Lourenzo fixo un chamamento ao conxunto das administracións para sumar esforzos "na defensa da pesca artesanal e na busca de solucións que garantan a sostibilidade da especie sen destruír un sector clave para a economía local".
Dende o Concello de Soutomaior avanzaron que seguirán moi de preto toda a información e as novidades que xurdan en relación coa pesca da anguía e reiteraron o seu apoio ao sector, que afronta o futuro con incerteza.
A veda da anguía está prevista para abril e a campaña esténdese ata setembro, pero o escaso marxe de manobra actual fai inviable, segundo os profesionais, un cambio de arte de pesca a estas alturas da tempada.