Soutomaior contratará unha vintena de persoas para o mantemento e limpeza de vías e tarefas administrativas

Soutomaior
27 de xaneiro 2025

Por segundo ano consecutivo o Concello de Soutomaior fai públicos os códigos necesarios para que calquera persoa interesada en presentarse á oferta de emprego poida facelo

Concello de Soutomaior
Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior vén de anunciar que contratará unha vintena de persoas para levar a cabo a limpeza e mantemento de vías e tarefas administrativas no concello durante 2025.

O alcalde Manu Lourenzo, sinalou que con estas incorporacións "prestaremos un mellor servizo" aos veciños e veciñas do concello, garantindo que os barrios "sigan igual de limpos que estiveron en 2024".

Haberá dez postos de peón forestal, que estarán dedicados a tarefas relacionadas coa limpeza e mantemento de camiños, así como a prevención de incendios; outros catro postos de varredor, que se dedicarán á limpeza de rúas e zonas verdes municipais; e os tres postos restantes serán para albanel, que realizarán tarefas de mantemento de rúas, beirarrúas, instalacións municipais e outras vías públicas.

A incorporación do persoal de rúa realizarase de maneira escalonada co obxectivo de que haxa persoal a maior parte do ano e que nos meses de maior necesidade o concello conte coa totalidade das persoas contratadas de maneira activa.

A maiores, o Concello de Soutomaior tamén contratará unha persoa para ocupar un posto de auxiliar administrativo e outra persoa para auxiliar da biblioteca. Ambos os dous contratos terán unha duración de nove meses

Co obxectivo de que o proceso de contratación se leve a cabo con total transparencia e garantizando que todas as persoas teñan igualdade de oportunidades, por segundo ano consecutivo fanse públicos os codigos necesarios para presentarse ás ofertas de emprego.  

Esta é unha iniciativa impulsada polo goberno local desde o comezo do mandato e que anos atrás non se viña facendo.

"Trátase dun procedemento realizado con total transparencia que permite que calquera veciño ou veciña interesada poida consultar os codigos nos medios de comunicación, nas redes e na páxina web do concello", dixo o alcalde.

As persoas interesadas en presentarse ás ofertas de emprego deberán estar dados de alta no paro e ser solicitantes de emprego. Deberán pedir cita na súa Oficina de Emprego e pedir que na súa ficha conste o codigo do posto ao que queren postular.