A campaña que, con motivo do 25N, día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, desenvolverá o Concello de Soutomaior porá o foco nas violencias estruturais.
Será, precisamente, baixo o lema 'Esgotadas, Violencias estruturais', segundo avanzaron a edil de promoción económica, Rosana Comesaña: a directora do CIM de Soutomaior, Cristina García, e a avogada deste centro, Clara Rodríguez.
Esta campaña refírese, concretamente, ao dano causado ás mulleres polas estruturas social, política, sanitaria, administrativas ou legais "que impiden a satisfacción das necesidades humanas básicas sen necesidade de violencia directa"
Na presentación desta campaña, as súas responsables explicaron que as violencias estruturais "son unha forma de violencia indirecta" que pode manifestarse a través da pobreza, da falta de acceso aos servizos, da discriminación ou da desigualdade de xénero
Neste 25N, tal e como dixo a directora do CIM, Cristina García, "faremos un percorrido pasando por diferentes tipos de violencias estruturais como no seu día puido ser a psiquiatría como utilización de control ás mulleres".
Todas estas violencias, engadiu, "exercen unha opresión importante e unha sobrecarga para as mulleres que as leva a estados de esgotamento físico e psicolóxico".
É unha situación que é, engadiu García "resultado desta sociedade con pouco relevo comunitario e poucos tecidos de redes que deposita moitísima carga dos coidados, do mundo laboral e do mundo do fogar nas mulleres sen ter unha incorporación masculina a todos estes ámbitos".
A programación do 25N, terá como epicentro o Centro de Benestar Integrado, é decir o Multiusos de Arcade, comezará o 20 de novembro, ás 20:00 horas, co relatorio 'As tolas que non eran' da escritora Carmen V. Valiña, sobre as mulleres internadas no psiquiátrico de Conxo.
Seguirá a programación o venres 28 de novembro, ás 20:00 horas, coa representación da obra de teatro Anatomía dunha serea de Iria Pinheiro e concluirá o 18 de decembro co obradoiro The Experience e a presentación do libro Agotadas de Alba Cobo.
Este obradoiro, que se expón como unha vivencia artística, corporal e colectiva, busca explorar o ensaio feminista de Alba sobre o cansazo estrutural que moitas mulleres experimentan e como o descanso pode ser un acto de resistencia. Este obradoiro será de balde e con inscrición previa.
Para rematar, dende o CIM de Soutomaior, quixeron lembrar que a violencia de xénero estrutural refírese á desigualdade sistemática e normalizada que hai entre homes e mulleres arraigada en todas as estruturas sociais, políticas e culturais.