Soutomaior incorpora dez novos operarios ao persoal de vías e obras

Soutomaior
18 de marzo 2026

Trátase de seis peóns forestais, dous varredores e dous albaneis que se incorporarán entre marzo e maio. Ademais, ofertarán un posto de auxiliar administrativo e de biblioteca para abril

Manu Lourenzo dando a benvida aos novos traballadores
Manu Lourenzo dando a benvida aos novos traballadores / Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior incorporou dez novas persoas ao persoal de vías e obras municipais.

Trátase de seis peóns forestais, dous varredores e dous albaneis, que se incorporarán entre os meses de marzo e maio e que se unen así á vintena de persoas contratadas para realizar mantementos e limpeza nas rúas do concello.

Esta contratación está realizada por contratación a través do Plan +Provincia, concretamente da liña 3, de activación do emprego, da Deputación de Pontevedra.

A maiores, o Concello ofertará un posto de auxiliar administrativo e outro para auxiliar de biblioteca que se incorporarán o 1 de abril.

Desde o goberno local indican que este proceso de contratación fíxose en todo momento de maneira "transparente, pública e en igualdade de condicións" a través da publicación dos códigos dos veciños solicitantes en oficinas, redes sociais e medios de comunicación.

Unha vez finalizado o prazo de presentación das candidaturas, a oficina de emprego realizou, de maneira independente, unha primeira elección de candidaturas para cada unha das prazas ofertadas.

Esa listaxe chegou ao Concello, encargado de solicitar ás persoas que opten ás prazas a documentación requirida.

Unha vez entregada e confirmado que todo está en orde, as persoas candidatas realizaron unhas probas de aptitude avaliadas por un tribunal independente sen relación algunha con Soutomaior.

A partir dese momento, a incorporación do persoal farana de forma graduada para que haxa persoal a maior parte do ano e que o concello poida contar coa totalidade de persoas contratadas de maneira activa.

Desta forma, este mércores empezaron 10 persoas ás que se sumarán no mes de maio catro peóns forestais, unha barrendera e un albanel.

Nos meses de verán, pola súa banda, a cuadrilla de obras municipal estará integrada por preto de 20 persoas que se encargarán de manter o concello limpo e en boas condicións.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que "traballamos para ter a mellor cuadrilla de obras da súa historia, co obxectivo de manter os nosos barrios limpos e como merece a nosa veciñanza".