O Concello de Soutomaior continúa coa posta a punto do municipio para convertelo nun lugar máis amable para a veciñanza.
Unha vez completada as actuacións en Val-Sobral e Aranza, o goberno local intervirá no Camiño Muradella, en Comboa, onde asfaltará máis de 300 metros.
A obra conta cun investimento superior a 40.000 euros financiada por fondos municipais e o Plan de Mellora de Camiños da Xunta de Galicia.
Os traballos, indican desde o Concello, teñen como obxectivo principal dar servizo ás vivendas e humanizar o núcleo de casas deste barrio.
O alcalde Manu Lourenzo visitou este mércores a zona e destacou que "os barrios de Soutomaior nunca contaron co nivel de investimento levado a cabo nos últimos dous anos".
Lourenzo, ademais, lembrou que "un dos obxectivos estratéxicos do Goberno de Soutomaior desde o comezo do mandato é levar a cabo a transformación rural e urbana do noso concello para mellorar a vida da veciñanza".
Por último lembrou que durante as próximas semanas anunciaranse máis traballos noutros barrios de Soutomaior.