Soutomaior licita a humanización da Praza do Souto cun investimento de 140.000 euros

Soutomaior
20 de xuño 2026

A licitación xa foi publicada e conta cun investimento de 140.151 euros que permitirá renovar este espazo

Manu Lourenzo na Praza do Souto Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior puxo en marcha do proceso de contratación das obras de humanización da Praza do Souto, situada no barrio de Moreira.

A actuación, que conta cun investimento de 140.151 euros, permitirá renovar este espazo para convertelo nun punto de encontro máis cómodo, accesible e seguro para a veciñanza.

A licitación xa foi publicada e as empresas interesadas en executar os traballos poderán presentar as súas ofertas ata o próximo 8 de xullo.

Unha vez adxudicada a obra, o proxecto permitirá acometer unha remodelación integral da praza, un lugar de referencia para os residentes desta zona rural do municipio.

A intervención contempla a renovación dos pavimentos actuais, a reorganización dos espazos e a mellora da seguridade viaria, co obxectivo de favorecer a convivencia entre peóns e vehículos.

Ademais, prevese ampliar as áreas destinadas ao uso cidadán, incorporando zonas verdes e espazos pensados para o descanso e o lecer.

O proxecto tamén busca reforzar a accesibilidade e a integración paisaxística da contorna, apostando por materiais de calidade e unha imaxe máis acorde co valor patrimonial e ambiental que caracteriza ao barrio de Moreira.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, salientou a importancia desta actuación dentro da estratexia municipal de recuperación e mellora dos espazos públicos. Segundo explicou, a transformación da Praza do Souto permitirá dotar ao barrio dun lugar máis funcional e agradable para o uso diario da veciñanza, ao tempo que contribuirá a poñer en valor a identidade propia desta zona do municipio.

A futura humanización dará continuidade ás intervencións realizadas anteriormente en puntos como Fondo de Vila e Ouxil, onde tamén se acometeron actuacións destinadas a recuperar espazos públicos e mellorar a súa accesibilidade.