Soutomaior quere acabar coas "situacións dramáticas" que provoca a lista de agarda no SAF

Soutomaior
26 de maio 2026

O Concello, co incremento previsto no número de horas de cobertura, pasará a pagar uns 745.000 euros cada ano, fronte aos 401.000 que destinaba a este servizo ata o de agora

Manu Lourenzo e Rosana Martínez Boullosa

O novo contrato do servizo de axuda no fogar que porá en marcha o goberno municipal de Soutomaior suporá una mellora "moi importante" na atención aos dependentes.

Tanto é así que, segundo o Concello, a ampliación nas horas contratadas permitirá atender a todas as persoas dependentes en situación 2 e 3.

Isto permitirá eliminar unhas listas de espera que supuñan "situacións dramáticas" para moitas familias, destacou o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo.

A nova licitación contempla un incremento de máis de 12.000 horas para atender ás persoas maiores necesitadas.

Así, pasarán das 18.100 horas existentes ás 30.050 que se recollen no novo contrato, un 66,02% máis.

O Concello, con este incremento, pasará a pagar uns 745.000 euros cada ano, fronte aos 401.000 que destinaba a este servizo ata o de agora.

"A atención dos nosos maiores é unha obriga moral para o noso goberno", engadiu Lourenzo, que subliña que actuarán "con responsabilidade" a pesar de recordar que esta é, en todo caso, unha competencia "impropia" que é da Xunta.

O SAF ofrece atención personalizada, acompañamento e apoio nas tarefas básicas, favorecendo a autonomía persoal e o benestar no propio domicilio.

O alcalde agradeceu o traballo do persoal técnico e dos funcionarios para sacar adiante esta licitación, que é posible "porque en Soutomaior contamos cunha situación económica positiva e saneada que nos permite investir o diñeiro alá onde fai máis falta".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora