Volve a Soutomaior a Orghullosa, a festa das identidades diversas e disidentes coa que o municipio conmemorará o día internacional do orgullo LGBTIQ+. Será o próximo 28 de xuño.
Así o anunciaron este xoves o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, a concelleira de igualdade e de benestar social, Rosana Martínez Boullosa, e a concelleira de promoción económica, hostalería e comercio, Rosana Comesaña.
A festa, que contará con cascos antirruído, estará adaptada para que todas as persoas que queiran, sen importar a súa condición, poidan gozar de todas as actividades.
A Orghullosa vivirá o seu pistoletazo de saída este mesmo venres co reparto a cargo de 'Juan de Arcade' da programación desta festa e de xeados diversos para o comercio e hostalería do concello. É unha iniciativa á que se adheriron 55 establecementos da vila.
A programación continúa o 26 de xuño, ás 20:30 horas no multiusos de Arcade, cunha charla de Cristina Palacios, traballadora social da asociación de familias de infancia e mocidade trans de Galicia, que falará sobre diversidade afectivo e sexual.
O día grande será o propio día do orgullo, o sábado 28, xornada que comezará ben cedo cunha andaina reivindicativa polos dereitos LGBTIQ+ que terá como punto de partida a carballeira do Peirao de Arcade e que pasará pola illa de Medal e polas Salinas do Ulló.
Ás once, na carballeira, haberá un obradoiro de expresión emocional a través da arte e un obradoiro para celebrar a diversidade e a identidade a través do bordado, transformando símbolos e palabras como xeito de manifestación artística e reivindicativa.
O pregón, a cargo de 'Juan de Arcade', será ás 13:15 horas e, a continuación, haberá unha sesión vermú a cargo do grupo Toma de Terra, un conxunto de artistas disidentes que se achega á música tradicional dun xeito alternativo e baseándose na improvisación.
Tras a sesión vermú chegará o 'Mari picnic', onde todo o que o desexe traerá a súa comida e o seu instrumento e, xa pola tarde, haberá un obradoiro para bordar roupa (17:00 horas) e unha sesión de contos, xogos e arte sobre diversidade (18:00 horas).
Ás 20:15 horas haberá un obradoiro de danza para bailar en liberdade e, como broche de ouro, a festa pechará cos concertos de Meiga-I (21:30 horas) e The Tetas'Van (22:30 horas). Ambos concertos terán entrada libre e serán tamén na carballeira do peirao.
Para continuar con esta celebración, un ano máis, Soutomaior lanzará a iniciativa 'fiestras orghullosas', de tal maneira que o concello pon a disposición de todas as persoas interesadas unha bandeira para decorar as súas fiestras e balcóns como visibilización do orgullo LGBTIQ+.